Estás en:Novas

O obradoiro do fotógrafo de National Geographic, Tino Soriano, dá o pistoletazo de saída ás actividades do Premio Ksado

O segundo obradoiro correrá a cargo da fotógrafa da axencia Magnun, Lúa Ribeira o 6 de outubro, mentres que o gañador do Premio Ksado desta edición, José Manuel López, impartirá unha sesión exclusiva para alumnado da Facultade de Ciencias de Comunicación o 14 de outubro

O 13 de outubro, a Deputación e o Concello de Carral acollerán os actos de recoñecemento como Fotógrafo Histórico a José Gestal 'Cardoña'

O obradoiro do fotógrafo de National Geographic, Tino Soriano, dá o pistoletazo de saída ás actividades do Premio Ksado

Esta tarde arrancaron as actividades do premio Luis Ksado de Creación Fotográfica co obradoiro a cargo do fotógrafo de National Geographic, Tino Soriano, que tivo lugar no Centro Ágora da Coruña e que contou con máis de 200 persoas inscritas procedentes de toda Galiza. Tino Soriano estivo acompañado polo comisario do Premio Ksado, Xurxo Lobato, e foi presentado polo deputado de Cultura, Xurxo Couto.

Xurxo Couto, ademais de dar a benvida a todas as persoas participantes na sesión, aproveitou para poñer en valor "a compoñente de transcendencia artística e histórica da fotografía, no sentido de que é unha disciplina que nos permite ir creando a memoria colectiva do futuro, polo que este tipo de obradoiros ofrecen a oportunidade de profundar na forma en que cada profesional quere abordar o seu traballo". O deputado de Cultura aproveitou para convidar a todas as persoas participantes no obradoiro a presentarse á vindeira convocatoria do Premio Ksado e "contribuír a enriquecer a nómina de gañadores e gañadoras con miradas artísticas o máis diversas posibles".

Tras o obradoiro desta tarde, a seguinte cita será o 6 de outubro, tamén no Centro Ágora, nunha sesión que correrá a cargo da fotógrafa da axencia Magnun, Lúa Ribeira. Ademais, o gañador do Premio Ksado desta edición, o fotógrafo leonés José Manuel López Pérez, impartirá un obradoiro na Facultade de Ciencias da Comunicación de Santiago, exclusivo para o alumnado, o 14 de outubro. Ese mesmo día, o Museo do Pobo Galego acollerá a inauguración da mostra cos traballos gañador e finalistas desta edición do premio.

Doutra banda, e tamén no marco das actividades do Premio Ksado, o recoñecemento como Fotógrafo Histórico recae nesta edición en José Gestal 'Cardoña', fotógrafo que desenvolveu a maior parte da súa traxectoria na contorna do concello de Carral. Así, o mércores 13 de outubro ás 12h o Salón de Plenos da Deputación da Coruña acollerá o acto de nomeamento de Fotógrafo Histórico a José Gestal 'Cardoña' en recoñecemento á súa traxectoria no eido da creación fotográfica, e pola tarde, a Casa da Cultura de Carral acollerá, ás 20h, unha mesa redonda en torno á figura deste fotógrafo na que participarán o deputado de Cultura, Xurxo Couto, o comisario do Premio Ksado, Xurxo Lobato, e o técnico de Cultura de Carral, Carlos Lorenzo.

Páxinas suxeridas