Estás en:Novas

A Deputación colabora co I Congreso Internacional de Turismo Literario que terá lugar na Coruña

Baixo o título 'A viaxe a través da palabra'e organizado pola Universidade da Coruña, ten por finalidade estudar a divulgación dos destinos turísticos a través da literatura e da emoción no público lector

Este Congreso forma parte das actividades de promoción do turismo cultural que se inclúen no convenio entre Deputación e Consorcio de Turismo da Coruña aprobado esta mañá en sesión plenaria

A Deputación colabora co I Congreso Internacional de Turismo Literario que terá lugar na Coruña

Baixo a epígrafe 'A viaxe a través da palabra', a cidade da Coruña acollerá entre o 13 e o 16 de outubro o primeiro Congreso Internacional sobre turismo literario. Este encontro, que reunirá a preto dunha vintena de relatores e relatoras galegas, do Estado e de Europa, forma parte das actividades incluídas no convenio de colaboración entre a Deputación da Coruña e o Consorcio de Turismo da Coruña para impulsar a promoción internacional da cidade como destino de producións audiovisuais e de turismo cultural.

O vicepresidente e deputado de Turismo, Xosé Regueira asegura que "este tipo de iniciativas ligadas ao turismo cultural axudan a camiñar na vía da sustentabilidade turística e na busca de elementos de autenticidade ligados ao territorio". O vicepresidente da Deputación salienta, ademais, que "na nosa propia literatura podemos atopar escritores que crearon un universo galego propio que axudaron a explorar o ámbito das viaxes ligadas a unha obra literaria" e, neste sentido, engade que "o congreso permitiranos relacionar o territorio da Coruña cun territorio literario e mesmo deseñar novos puntos turísticos desde perspectivas e con alicientes diferentes aos habituais".

O acordo de colaboración, que foi aprobado esta mañá en acordo plenario, permitirá que a Universidade da Coruña, a través das áreas de Turismo e Filoloxía, se converta en anfitrioa dun encontro internacional que nace xa con vontade de consolidarse nos vindeiros anos e situarse como un referente no campo dos estudos turísticos ligados á literatura de viaxes.

O profesor da Universidade da Coruña, Carlos Rodríguez, membro do comité organizador, explica que este Congreso nace coa finalidade de "reflectir, divulgar e coñecer a relación do Turismo coa literatura, a palabra e o relato', polo que o foco principal do encontro versará ao redor de "como vivir e compartir os destinos e as experiencias dos viaxeiros desde a literatura". Para iso, o programa conta cunha vintena de participantes que inclúe escritores e escritoras que viaxan e o contan, como Cristina Morató, de viaxeiros e viaxeiras que escriben desde a súa experiencia, como o xornalista especializado en Turismo, Antón Pombo Rodríguez, ou divulgadores "que contan o que contaron outros contadores de viaxes", como é o caso do músico e escritor, Xurxo Souto.

Ademais, o programa contempla a participación de relatores e relatoras das tres universidades galegas –UDC, USC e Uvigo-, da Universidade Autónoma de Barcelona e de universidades europeas como as de Milán, Florencia, Durham e Kiel. Tamén participarán escritores e escritoras galegas e do Estado español, así como xornalistas especializados en viaxes e/ou turismo, fotógrafas e editores.

O I Congreso Internacional 'A viaxe a través da palabra' xa conta con preto de 80 persoas inscritas, a maioría relacionadas profesionalmente co ámbito do turismo, se ben a inscrición está aberta para todo tipo de público.

Páxinas suxeridas