Estás en:Novas

A Deputación destina preto de 240.000 euros para as actividades do proxecto Xeoparque Cabo Ortegal

Mediante un convenio que vén de ser aprobado en sesión plenaria esta mañá na Deputación e que supón o financiamento das actuacións imprescindibles para a preparación e a defensa da candidatura do Xeoparque perante a UNESCO

A Deputación destina preto de 240.000 euros para as actividades do proxecto Xeoparque Cabo Ortegal

O Pleno da Deputación da Coruña aprobou esta mañá o convenio coa Asociación para a xestión do Xeoparque do Cabo Ortegal que supón o financiamento das actividades deste proxecto por un importe de 239.943 euros. O obxectivo fundamental é o de levar a cabo as actuacións imprescindibles para a defensa da candidatura do Xeoparque perante a UNESCO.

Deste xeito, os sete concellos que forman parte da Asociación do proxecto -Cariño, Cedeira, Cerdido, Moeche, Ortigueira, San Sadurniño e Valdoviño- co apoio e impulso da Deputación, a través da área de Turismo, desenvolverán accións que vinculen a riqueza xeolóxica, paisaxística e ambiental co desenvolvemento económico da comarca.

Tras a aprobación do convenio, o vicepresidente e deputado de Turismo, Xosé Regueira, indica que "deste xeito se materializa un financiamento que vai permitir que os concellos realicen as actuacións do proxecto e que teñan unha certa autonomía para levalas a cabo". A este respecto, tamén explica que "este financiamento chega nun momento oportuno para afianzar a candidatura do Xeoparque no territorio".

Convén lembrar que o proxecto está orientado a desenvolver iniciativas de desenvolvemento territorial sustentable que impliquen a protección e conservación do territorio, a promoción do desenvolvemento económico, social e ambiental nestes concellos, e o fomento do turismo, especialmente o vinculado á natureza e á atención aos valores xeolóxicos, así como ao turismo cultural, sempre dentro dun marco de sustentabilidade.

Deste xeito, o proxecto de Xeoparque do Cabo Ortegal tamén se presenta como unha oportunidade para dinamizar o territorio rural, ofrecer alternativas que reteñan o talento, frear o despoboamento e ofrecer oportunidades de desenvolvemento especialmente para a poboación máis nova. Tamén se procurarán alternativas orientadas a renovar o modelo actual, de forma que se supere a estacionalidade nas actividades turísticas e hostaleiras e se consolide unha oferta con maior valor engadido e máis competitiva.

Páxinas suxeridas