Estás en:Novas

A provincia da Coruña terá un importante protagonismo no Raid Gallaecia-AR World Championship 2021

Blas García remarcou o compromiso da provincia da Coruña con "esta gran aventura a nivel mundial" que comeza mañá en Monforte e remata o 9 de outubro na cidade herculina

Boa parte do percorrido pasará pola provincia: o lago das Pontes, as Fragas do Eume, a Reserva da Biosfera Mariñas coruñesas e Terras do Mandeo, a Costa de Dexo e a cidade da Coruña

O desfile de bandeiras, cos 91 equipos e 364 deportistas, realizarase esta tarde desde os Xardíns de Méndez Núñez ata a praza de María Pita

A provincia da Coruña terá un importante protagonismo no Raid Gallaecia-AR World Championship 2021

A sede do Real Club Náutico da Coruña acolleu a presentación do Raid Gallaecia- AR World Championship 2021, o Campionato do Mundo de carreiras de aventura, que conta coa colaboración da Deputación da Coruña e que partirá mañá sábado 2 de outubro desde Monforte de Lemos finalizando, unha semana despois, o sábado 9 de outubro na Coruña.

Blas García, deputado de Promoción Económica da Deputación da Coruña, Juan Ignacio Cordeiro, primeiro tenente de alcalde e concelleiro de Relacións Institucionais, Turismo e Seguridade Cidadá da Coruña e Pablo López Franco, director de carreira, presentaron o acto acompañados polos representantes das institucións e os patrocinadores que fan posible o Raid Gallaecia- AR World Championship 2021, entre eles Cristina Capelán, deputada de Deportes.

Tamén estiveron os capitáns de 6 dos 91 equipos participantes: o francés Sébastien Raichon (400 team Naturex), o español Urtzi Iglesias ( Torpedo Vidaraid), o sueco Bjø rn Rydvall (Orbital AR), o estoniano Silver Eensaar (Estoniana ACE Adventure-A Sportiva), a brasileira Camila Nicolau ( BOA Brazil Multisport) e o estadounidense Mark Lattanzi ( Strong Machine AR).

Blas García remarcou o compromiso da provincia da Coruña con "esta grande aventura a nivel mundial". O responsable de Promoción Económica recoñeceu que "a Deputación da Coruña tiña que apoiar este evento porque boa parte do percorrido pasará pola nosa provincia: o lago das Pontes, as Fragas do Eume, a Reserva da Biosfera Mariñas coruñesas e Terras do Mandeo, a Costa de Dexo e a cidade da Coruña".

Pablo López Franco, que agradeceu o apoio das institucións e patrocinadores, destacou a "enorme satisfacción" que significa "organizar un Campionato do Mundo con sede na nosa cidade". O director de carreira recoñeceu que compartir este fito cos seus veciños "é algo que despois de tres edicións de Series Mundiais estabamos a desexar".

Juan Ignacio Cordeiro resaltou que "non hai mellor reclamo turístico agora mesmo para Galicia e A Coruña que o Raid Gallaecia- AR World Championship 2021". O primeiro tenente de alcalde e concelleiro de Relacións Institucionais, Turismo e Seguridade Cidadá engadiu que a Torre de Hércules "alumará o último sprint da carreira" e lembroulles aos participantes que "van descubrir unha terra fantástica e que os vai recibir cos brazos abertos".

Esta tarde, A Coruña acollerá tamén o desfile de bandeiras, tradicional acto de inauguración en cada edición do Campionato do Mundo de carreiras de aventura. Os 91 equipos e 364 deportistas están citados ás 18:00 horas para realizar un percorrido desde os Xardíns de Méndez Núñez, á altura do Quiosco Alfonso, ata a Praza de María Pita.

Páxinas suxeridas