Estás en:Novas

A Deputación amosa o seu rexeitamento á exclusión financeira á que se está a ver sometida a poboación do rural

O pleno do ente provincial debateu hoxe tres mocións presentadas polo PSdeG-PSOE, Marea Atlántica e Partido Popular sobre as dificultades que a cidadanía do rural da provincia se atopa para acceder a un servizo básico a raíz do peche de sucursais bancarias
Na sesión plenaria tamén se aprobou unha moción da Marea Atlántica sobre a mina de Touro
Así mesmo, a Corporación provincial amosou nunha declaración institucional o seu apoio ao pobo da illa da Palma ante a erupción volcánica

A Deputación amosa o seu rexeitamento á exclusión financeira á que se está a ver sometida a poboación do rural

A Deputación da Coruña amosa o seu rexeitamento á exclusión financeira a que se está a ver sometida a poboación do rural da provincia ante o peche de varias sucursais bancarias, o que lle impide á cidadanía das zonas afectadas o acceso a un servizo básico. O pleno do ente provincial debateu esta mañá tres mocións sobre este asunto, presentadas polo PSdeG-PSOE, Marea Atlántica e Partido Popular.
O pleno deu luz verde á moción presentada polo PSdeG-PSOE a través da que se insta á Xunta de Galicia a adoptar medidas no marco das súas competencias para evitar o peche de oficinas e manter unha atención bancaria digna. A moción tamén solicita á Administración autonómica a elaboración dunha Carta de Servizos Básicos que garanta o dereito dos galegos a non ser excluídos na prestación deste servizo básico e a dirixirse a Abanca para que teña responsabilidade social e paralice de forma inmediata o peche de sucursais que anunciou nos últimos meses, con especial atención aos concellos que non teñen outra oficina bancaria.
Tamén se solicita que se reabran as oficinas pechadas no 2021 onde esta entidade era a única presente. Así mesmo, a Deputación esíxelle a Abanca a que asuma o compromiso de non abandonar municipios nos que non coexistan diferentes entidades bancarias. Por último, insta ao Goberno do Estado a que promova un marco normativo que garanta o dereito de toda a cidadanía a non ser excluída no ámbito financeiro. "Necesitamos medidas urxentes que garantan un servizo tan esencial", destacou Bernardo Fernández, portavoz do PSdeG-PSOE.
A moción presentada por Marea Atlántica tamén foi aprobada na sesión ordinaria, e nela solicítase a maiores, que se inste á Xunta a que estude deixar sen efecto a convocatoria de axudas para abrir caixeiros da que se beneficiará Abanca. "Cando estes servizos se perden de xeito físico compénsanse cos servizos da banca en liña, que non son accesibles a todos debido á fenda dixital", sinalou o portavoz de Marea Atlántica, Alberto Lema.
No tocante á moción do PP, rexeitouse o seu punto tres e aprobáronse os dous primeiros, nos que se insta ao Goberno de España, xunto coas administracións autonómicas e locais, a posta en marcha dun plan estatal contra a exclusión financeira con medidas para garantir o acceso de toda a poboación aos servizos. Tamén recolle instar á Xunta a impulsar medidas "que faciliten o acceso da poboación aos servizos como a instalación de caixeiros multientidades e programas de formación en banca electrónica", transmitiu o portavoz do PP, Roberto Rodríguez.
Na provincia coruñesa, entre o 2008 e 2017, foron 320 as oficinas que pecharon as súas portas, un 34% do total das que había. Agora mesmo, a provincia conta con 10 municipios sen ningunha entidade bancaria, segundo sinala o Banco de España.
Neste ámbito destaca Abanca, principal entidade operando na provincia, que hai meses que avisa de peches en territorios rurais onde abunda a poboación de idade avanzada que carece de competencias dixitais para empregar a banca electrónica. Esta cadea de peches afecta os concellos da Baña, Vimianzo, Zas, Cerdido e Fene.
Na sesión plenaria tamén se aprobou unha moción de Marea Atlántica sobre a mina de Touro
O pleno deu luz verde á moción presentada pola Marea Atlántica sobre a mina de Touro. Esta mina de cobre a ceo aberto, explotada pola empresa Riotinto Patiño entre o 1970 e o 1988, está a ter hoxe en día efectos negativos ante o deficiente traballo de rexeneración da área unha vez pechada a mina, sumados ás consecuencias do novo uso dos terreos para o tratamento de lodos de depuradora. Todo isto xera na actualidade efectos nos ríos e regos da área, nos que hai ademais unha gardería e un centro da terceira idade moi próximas a unha destas vertentes.
A todo isto, súmase agora a tentativa das empresas Atalaya Mining e Explotaciones Gallegas, que a través da súa filial galega, Cobre San Rafael, que pretende reiniciar os traballos de explotación da mina, o que suporía un forte impacto medioambiental e social.
Neste contexto, a Deputación insta á Xunta de Galicia, aos concellos de Touro e O Pino e á empresa Explotaciones Gallegas S.L., a realizar os traballos de inspección e rexeneración precisos para avaliar o estado das augas e terras afectadas procedentes das escorreduras da antiga mina, co fin de que se actúe para garantir a salubridade na zona.
Tamén se insta á empresa mencionada a executar a depuración parcial xa aprobada para reducir as verteduras derivadas da súa actividade de depuración de lodos. Á súa vez, o ente provincial aprobou requirirlles aos concellos de Touro e O Pino e á Xunta a que se exerzan todas as accións que correspondan por vía legal para que a empresa propietaria dos terreos presente un plan de restauración actualizado que o execute co fin de poñer fin a máis de 30 anos de irregularidades.
A Deputación demanda ao Estado que execute e axilice as axudas económicas á illa da Palma para paliar os efectos da erupción volcánica
A Deputación realizou unha declaración institucional en apoio á poboación da illa da Palma ante a erupción volcánica. O ente provincial amosou a súa solidariedade e agarimo ás persoas que habitan na zona, ás evacuadas e ás que perderon os seus bens pola colada de lava. A Corporación provincial puxo en valor o exemplo de civismo que están a demostrar todos e cada un dos cidadáns e cidadás e agradeceron o traballo que os equipos de emerxencia, Corpos e Forzas de Seguridade do Estado, organizacións non gobernamentais, Exército, policías locais, profesionais do sector sanitario, medios de comunicación e outros colectivos alí despregados para minimizar os danos e atender á xente.
Así mesmo, na declaración tamén se demandou ao Goberno de España a executar e axilizar as axudas económicas para paliar os efectos que está a provocar no lugar este fenómeno natural.
O pleno rendeu homenaxe a José Luis Almau Supervía, secretario da Deputación desde hai máis de tres décadas e que hoxe se xubila
Na sesión plenaria ordinaria de hoxe, a Corporación local e todos os traballadores da entidade homenaxearon a José Luis Almau Supervía, que hoxe se xubila despois de máis de tres décadas sendo o secretario da Deputación. Valentín González Formoso destacou "a súa impecable traxectoria" e gabou a "súa dedicación, traballo, compromiso e esforzo con esta entidade ao longo de tantos anos, nos que sempre demostrou o seu compromiso", destacou o presidente provincial.