Estás en:Novas

Valentín González Formoso recibe as bolseiras e os bolseiros de Deportes da Deputación “referentes no deporte galego e motivo de orgullo para a provincia da Coruña”

A Deputación concedeu este ano 45 bolsas, das que foron beneficiarios 7 deportistas participantes nos Xogos Olímpicos e Paralímpicos de Tokyo 2020

Carlos Arévalo, Ana Peleteiro, e o paralímpico Adrián Mosquera, entre os deportistas coruñeses que apoia a Deputación da Coruña

Valentín González Formoso recibe as bolseiras e os bolseiros de Deportes da Deputación “referentes no deporte galego e motivo de orgullo para a provincia da Coruña”

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, e a deputada de Deportes, Cristina Capelán, recibiron esta mañá as e os deportistas da provincia que son bolseiros do ente provincial para recoñecer as súas achegas ao deporte galego.

No encontro, que tivo lugar no Pazo de Mariñán, en Bergondo, o presidente da Deputación, Valentín González Formoso, destacou a importancia destas axudas "para apoiar o traballo" das persoas deportistas da provincia, para darlles a oportunidade de participar nas competicións do máis alto nivel. Entre os bolseiros atópanse "algúns dos referentes deportivos da Coruña en diferentes disciplinas, entre eles olímpicos e paralímpicos", sinalou González Formoso.

Dos 45 deportistas que recibiron as subvencións do ente provincial, atópanse sete olímpicos, como os recoñecidos Carlos Arévalo e Ana Peleteiro, e o paralímpico Adrián Mosquera. A deputada de Deportes, Cristina Capelán, destacou a ampla representación feminina entre as persoas bolseiras, "importante para que as nenas que veñen detrás conten con referentes para seguir avanzando no camiño cara unha igualdade real no mundo do deporte" incidiu.

"É un orgullo por partida dobre poder recibirvos. Primeiramente porque sodes un exemplo de talento, potencial, traballo e esforzo, referentes do deporte galego. E, segundo, porque sodes bolseiros desta casa, e ver como medrades e seguides colleitando éxitos no ámbito autonómico, estatal e internacional é unha enorme satisfacción", remarcou Capelán. Tanto a deputada de Deportes como o presidente provincial definiron a estes deportistas como "referentes do deporte galego e motivo de orgullo para toda a provincia"

No acto fíxose entrega de diplomas acreditativos ás e aos deportistas como bolseiros provinciais e tamén se entregou un agasallo aos olímpicos con motivo do seu esforzo e logros.

Páxinas suxeridas