Estás en:Novas

A Coruña, Oleiros e Padrón acollen a Copa Deputación da Coruña de Hóckey Herba

O ente provincial e a Federación Galega de Hóckey, organizadores do encontro, presentaron hoxe a proba, "coa que pretendemos impulsar e promover esta modalidade, así como situar o deporte galego na vangarda", indicou Cristina Capelán, deputada de Deportes

A competición céntrase nas categorías benxamín, alevín e infantil e realizarase os días 6, 13 e 20 de novembro

Participarán os equipos feminino e masculino do Club Santo Domingo de Padrón, A.D. Cristo Rey de Oleiros e Athletic Coruña HC e Escola HC da Coruña

A Coruña, Oleiros e Padrón acollen a Copa Deputación da Coruña de Hóckey Herba

A deputada de Deportes, Cristina Capelán, presentou esta mañá unha nova edición da Copa Deputación da Coruña de Hóckey Herba, que se realizará os días 6, 13 e 20 de novembro. A competición, centrada nas categorías inferiores, desenvolverase en tres concellos da provincia: A Coruña, Oleiros e Padrón.

A sede provincial acolleu esta mañá a presentación do encontro, á que asistiu, ademais de Cristina Capelán, o responsable de Promoción da Federación Galega de Hóckey, Roberto Baratta, e a delegada na Coruña da Federación Galega de Hóckey, Yolanda Casanova.

"Un ano máis volvemos, volvemos organizar xunto coa Federación Galega de Hóckey unha proba coa que pretendemos impulsar e promover esta modalidade deportiva desde as categorías máis baixas da provincia, así como de apoio ás e aos deportistas coruñeses no seu desenvolvemento desde a base", explicou Cristina Capelán. A deputada de Deportes tamén quixo sinalar a importancia deste tipo de competicións para "situar ao deporte galego na vangarda".

O evento estará centrado nas categorías benxamín, alevín e infantil, tanto masculino como feminino. Nesta nova edición participarán os equipos do Club Santo Domingo de Padrón, A.D. Cristo Rey de Oleiros e Athletic Coruña HC e Escola HC da Coruña.

O encontro será nas seguintes datas:

- 6 de novembro, Campo de Pazos (Padrón)

- 13 de novembro, instalacións de INEF (Oleiros)

- 20 de novembro, Campo da Torre (A Coruña)

Coa Copa Deputación da Coruña de Hóckey Herba o ente provincial busca seguir dando pasos adiante na promoción e difusión deste deporte, tanto na provincia como na comunidade autónoma. A competición enmárcase dentro do Plan de impacto 2020-2022 da Federación Galega de Hóckey.

Páxinas suxeridas