Estás en:Novas

A Deputación e o Concello de Betanzos impulsan a rehabilitación do convento das Donas para convertelo en centro social

O ente provincial cofinancia preto do 50% da iniciativa, achegando 178.184 euros
Valentín González Formoso informa de que con esta actuación "seguimos a devolver espazos á veciñanza para o seu uso e desfrute público, ao mesmo tempo que recuperamos unha construción histórica para poñer en relevo o seu valor monumental e cultural"
As obras crearán dúas salas de uso múltiple que acollerán actividades de lecer, estudo, exposicións e zonas de convivencia

A Deputación e o Concello de Betanzos impulsan a rehabilitación do convento das Donas para convertelo en centro social

A Deputación da Coruña e o Concello de Betanzos suman forzas para rehabilitar o convento das Donas e convertelo en centro sociocultural para a veciñanza do municipio. As actuacións contan cun orzamento total de 383.949 euros, dos que o ente provincial achegará preto do 50% (178.184 euros), mentres que o restante será achegado polo Consistorio. As actuacións están en fase de licitación e poderán presentarse propostas ata o 18 de outubro.

O considerado como edificio máis antigo de Betanzos contará cunha nova vida a partir dos traballos de reconstrución, cos que se busca volver situar a infraestrutura como espazo de referencia, valor do que gozou no seu tempo. O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, destacou que con esta intervención "seguimos a devolver espazos á veciñanza para o seu uso e desfrute público, ao mesmo tempo que recuperamos unha construción histórica para poñer en relevo o seu valor monumental e cultural". Pola súa banda a alcaldesa de Betanzos, María Barral, informou que con este proxecto intentarase "devolverlle a vida a unha peza singular, o dereito a ser usado e entendido como espazo público".

As obras permitirán crear un centro sociocultural con dúas salas de uso múltiple que acollerán actividades de lecer, estudo, exposicións e zonas de convivencia. Así pois, as tarefas rehabilitarán o corpo principal como espazo único, amplo, de uso colectivo, favorecendo a accesibilidade para todas as persoas.

Deste modo, consolidaranse os muros e confeccionarase a cuberta ca volumetría orixinal. Esta sala única contará con dous accesos, un exterior, desde o patio, e outro de nova apertura desde unha antesala. Os labores conservarán como lembranza dunha época recente o azulexado de pezas hidráulicas que reflicten o uso doméstico que tivo nas derradeiras décadas o lugar. Por último, reporanse as trabes de forxado intermedio na cota do forxado interior.

Dentro das medidas integraranse e restauraranse os muros do perímetro, que hoxe constitúen un patio, poñendo en valor os arcos como elementos singulares. O do muro norte recuperarase para poder valer como entrada, tal e como foi orixinariamente, e o do sur quedará como acceso alternativo á sala de nova creación.

Dentro da proposta configurarase un patio, recuperando a idea orixinal do conxunto. Este contará con dous espazos: unha antesala de chegada, onde se situarán os servizos, instalacións, armarios, futuros paneis informativos e calquera outro elemento que indique e invite a participar nas actividades que se leven a cabo na infraestrutura, e unha sala de usos múltiples para ser utilizada como espazo de reunións, charlas ou actividades lúdicas para todos os públicos. Esta peza estará definida polo muro existente e un peche acristalado que delimitará o patio. A contorna do monumento tamén será protagonista de diferentes actuacións que permitirán integrar o renovado edificio na zona. O prazo de execución das actuacións estímase nun total de doce meses.

Páxinas suxeridas