Estás en:Novas

Comezan as obras da senda ciclable de Cecebre, coa que a Deputación ampliará a Rede Ciclista Metropolitana da Coruña

O presidente provincial, o delegado do Goberno en Galicia e os alcaldes e alcaldesas de Bergondo, Carral, Betanzos, Cambre e Abegondo presentaron as actuacións, que contan cun orzamento de 2 millóns de euros e que permitirán configurar preto de 30 quilómetros de camiño ciclable

Valentín González Formoso destacou a "aposta da Deputación para promover un novo modelo de mobilidade sostible, comprometido coa transición ecolóxica e que supón unha fórmula de dinamización no ámbito turístico e socioeconómico"

José Miñones puxo en valor a colaboración institucional entre "Concellos, Deputación e Goberno para poñer servizos á disposición da cidadanía"

Os plans da Deputación para promover a mobilidade sostible supoñen a construción de 130 quilómetros de vías ciclistas en 19 concellos da provincia

Comezan as obras da senda ciclable de Cecebre, coa que a Deputación ampliará a Rede Ciclista Metropolitana da Coruña

Valentín González Formoso e José Miñones visitaron a zona onde se inciarán as obras acompañados de alcaldes e alcaldesas dos concellos polos que discorerá a nova senda ciclable

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, xunto co delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, presentou esta mañá a ampliación da Rede Ciclista Metropolitana, que percorrerá a contorna do encoro de Cecebre, espazo natural de referencia na provincia, e chegará aos concellos menos poboados e máis afastados da rede como son Bergondo,Abegondo, Carral e Betanzos.
Formoso e Miñones, acompañados de alcaldesas, alcaldes e edís dos concellos de Bergondo, Carral, Betanzos, Cambre e Abegondo acudiron esta mañá a Carral, onde acaban de comezar as obras do primeiro tramo para crear este novo itinerario ciclable. A actuación está cofinanciada nun 80% con fondos europeos FEDER a través do Instituto para a Diversificación e Aforro da Enerxía (IDAE), e o seu presuposto ascende a 2 millóns de euros.
A senda supón a ampliación da rede ciclista metropolitana e incardínase na "aposta da Deputación para promover un novo modelo de mobilidade sostible que ten, por unha banda, un compromiso coa transición ecolóxica, e por outra, supón unha fórmula de dinamización dos territorios polos que pasa no ámbito turístico e socioeconómico", argumentou o presidente provincial.

130 novos quilómetros de vías ciclistas en 19 concellos da provincia

Os diferentes proxectos impulsados pola Deputación da Coruña neste eido supoñen un investimento global de máis de 9 millóns de euros, que permitirán crear 130 novos quilómetros de vías ciclistas en 19 concellos da provincia. Destes 9 millóns de euros, 7,2 proveñen de fondos FEDER a través das axudas que convoca o IDAE para proxectos de economía baixa en carbono en concellos de menos de 20.000 habitantes e os restantes 1,8 millóns son financiados con fondos propios da Deputación da Coruña.

O delegado do Goberno en Galicia, José Manuel Miñones, puxo en relevo a colaboración institucional para levar a cabo o proxecto. "Concellos, Deputación e Goberno sumamos sete administracións distintas que fomos quen de poñernos de acordo e establecer unha cooperación máxima para poñer servizos á disposición da cidadanía". Miñones solicitou ademais á Xunta "que se sume aos compromisos de transición ecolóxica, de mobilidade sostible e de apoio aos concellos". Pola súa banda, González Formoso agradeceu a implicación dos Concellos polos que transcorre esta senda.
Unha senda por un espazo natural de referencia na provincia

A raíz dun estudo realizado pola Reserva de Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo, apostouse pola continuación do carril metropolitano, que ten o seu fin, despois de percorrer a vía ciclista do Burgo, ao pé do encoro de Cecebre.

Partindo dese punto, con sendas que utilizan camiños públicos como base, crearanse arredor de 30 quilómetros de senda ciclable que bordeará o encoro de Cecebre. Desde aquí sairá un ramal para Guísamo e outro que aproveita o Val do Barcés para chegar a Carral, transcorrendo por núcleos de poboación de Abegondo, como Sarandóns, e pasando por lugares como a contorna do Pazo de Macenda, a ETAP de Cañás, o Observatorio de Aves de Crendes ou o monumento aos Mártires de Carral.

O caso de Betanzos, no que a vía se adentrará só na parroquia de Piadela, será obxecto de posteriores estudos de ampliación atendendo ás características orográficas e de ordenación.
Aposta provincial por un novo modelo de mobilidade sostible
A Deputación da Coruña configurou o Plan Director de Mobilidade Ciclista, co que aposta por un cambio de modelo de transporte baseado na mobilidade sostible que teña a bibicleta como principal protagonista. Un compromiso que non queda limitado ás grandes cidades da provincia e a súa área metropolitana, senón que pretende chegar ao rural, vertebrando o territorio.

A través deste plan, o ente provincial dótase dunha ferramenta de planificación e deseño que permitirá desenvolver medidas por unha mobilidade máis sostible, respectuosa co medio e enerxeticamente máis eficiente. A Deputación presentou a través deste Plan varios proxectos ás axudas que convoca o IDAE, con iniciativas singulares coma esta ruta ciclista na contorna do encoro de Cecebre; a creación da primeira Vía Verde da provincia, que conectará Santiago e Cerceda, ou a construción de sendas ciclables en 11 faros da zona das comarcas de Ferrolterra-Ortegal, Costa da Morte e ría de Muros.