Estás en:Novas

A Deputación da Coruña concede o premio ‘Fotógrafo Histórico’ a José Gestal ‘Cardoña’

Os actos de homenaxe a este fotógrafo que desenvolveu a maior parte da súa traxectoria profesional en Carral, terán lugar o vindeiro mércores 13 de outubro. O Salón de Plenos da Deputación da Coruña acollerá un acto institucional ás 12h e o Concello de Carral organiza unha mesa redonda ás 20h na Casa da Cultura

A Deputación da Coruña concede o premio ‘Fotógrafo Histórico’ a José Gestal ‘Cardoña’

O fotógrafo José Gestal 'Cardoña' será recoñecido, o vindeiro mércores, co premio 'Fotógrafo Histórico' da Deputación da Coruña. Este recoñecemento enmárcase nas actividades do Premio Luis Ksado de Creación Fotográfica e terá lugar na propia Deputación da Coruña e no Concello de Carral, por ser o lugar de referencia no desenvolvemento da súa traxectoria profesional como fotógrafo.

Así, ás 12h o Salón de Plenos da Deputación acollerá o acto institucional de nomeamento como 'Fotógrafo Histórico' a José Gestal, no que participarán o deputado de Cultura, Xurxo Couto, o alcalde de Carral, Javier Gestal Pose, a filla do fotógrafo homenaxeado, Matilde Gestal, e o comisario do premio Ksado, Xurxo Lobato.

O deputado Xurxo Couto indica que con este recoñecemento "queremos homenaxear a obra e a traxectoria dun fotógrafo que exerceu o seu oficio con modestia mais con paixón, e ao que lle debemos un valioso arquivo de imaxes que nos falan da vida cotiá das Mariñas Coruñesas do seu tempo".

Pola súa banda, o alcalde de Carral, Javier Gestal, destaca o labor realizado por 'Cardoña' quen, coas súas instantáneas "foi quen de retratar Carral e as súas xentes". O rexedor sinala "o enorme valor histórico que teñen estas imaxes, testemuñas da vida no municipio entre os anos 40 e 80 do século pasado".

Pola tarde, ás 20h, será a Casa da Cultura de Carral a que acolla unha mesa redonda na que se poña en valor o traballo realizado por José Gestal 'Cardoña' e na que participarán o técnico de Cultura, Carlos Lorenzo, o comisario do Ksado e tamén fotógrafo, Xurxo Lobato, e o deputado de Cultura da Deputación da Coruña, Xurxo Couto.

José Gestal, coñecido popularmente como 'Cardoña', nacera no municipio de Cambre mais desenvolveu a maior parte do seu labor como fotógrafo en Carral e na súa contorna, sobre todo nas décadas comprendidas entre 1950 e 1970. Durante este período, que foron os de maior actividade, converteuse nun habitual das xentes da comarca, sendo o fotógrafo de cabeceira para as cerimonias familiares (bautizos, comuñóns e vodas), para requirimentos administrativos (fotos para carnés de identidade) e tamén en eventos deportivos e romarías. Deste xeito, o seu legado materialízase nun arquivo de moi diversa temática que en conxunto dá mostra da forma de vida das familias da comarca en diferentes contextos. 'Cardoña' tiña ademais o costume de identificar o seu traballo selando o reverso das fotografías co distintivo 'Foto Gestal' e a data da captura da imaxe.

Páxinas suxeridas