Estás en:Novas

Blas García compromete o apoio da Deputación á mostra de pratería e acibechería de Santiago

O deputado de Promoción Económica asistiu hoxe a un encontro con representantes da asociación Ourives de Compostela e outras administracións na que amosou a "vontade da Deputación para colaborar nesta exposición, igual que facemos con outras mostras de artesanía, como poden ser Camariñas ou Buño"

A exhibición realizarase na capital galega os vindeiros meses de xuño, xullo e agosto do 2022

Blas García compromete o apoio da Deputación á mostra de pratería e acibechería de Santiago

O deputado de Promoción Económica, Blas García, asistiu á xuntanza da 'Comisión para o desenvolvemento do Plan Estratéxico Ourives de Compostela', na que amosou o compromiso da Deputación da Coruña para impulsar a exposición sobre pratería e acibechería que se celebrará en Santiago nos meses de xuño, xullo e agosto do 2022.

No encontro, presidido polo alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, estiveron, ademais de Blas García, a concelleira de Acción Cultural, Mercedes Rosón, os comisarios da mostra, Ana Pérez Varela e Fernando Martínez Vilanova, así como representantes da Xunta, a USC e a Asociación de Artesáns e Comerciantes Ourives de Compostela. Na reunión abordouse o proxecto denominado 'A pratería e a acibechería en Santiago: historia dunha arte milenaria'. Unha mostra que xa está en proceso de produción e catalogación e que se exporá en dous espazos cedidos pola USC: a igrexa da Universidade e o Colexio de Fonseca.

O deputado provincial, Blas García, resaltou o interese da iniciativa e engadiu que por parte da Deputación "hai vontade para colaborar nesta exposición, igual que facemos con outras mostras de artesanía, como poden ser Camariñas ou Buño". Pola súa banda, o alcalde de Santiago, Sánchez Bugallo, sinalou que a mostra "vai contribuír a difundir o valor dos ourives de Compostela e animar á mocidade a dedicarse a esta profesión". A exposición contará coa colaboración da USC, a Deputación da Coruña, a Xunta de Galicia e o Concello de Santiago.

A exhibición pretende reflexionar de forma científica sobre a arte da pratería e a acibechería compostelás desde un punto de vista historiográfico, así como a súa posta en valor, posto que o municipio de Santiago contou cun dos mellores centros na historia da pratería peninsular e foi centro de referencia no traballo do acibeche a nivel internacional

Os comisarios da exposición fixeron un chamamento para que as persoas propietarias de pezas de pratería e acibechería singulares as cedan para a "gran e emblemática exposición". Aquelas que así o desexen, poderán facelo poñéndose en contacto coa Asociación de Artesáns e Comerciantes Ourives de Compostela.

Páxinas suxeridas