Estás en:Novas

12 grandes firmas, 11 participantes na sección ArtEncaixe, 24 noveis deseñadores, encontros de palilleiras e moito máis na XXX Mostra do Encaixe Deputación da Coruña

O evento arrincará mañá oficialmente ás 17:00 horas, e previamente celebrarase un Pleno extraordinario para investir a Xosé Luis Blanco Campaña como fillo predilecto do municipio.

12 grandes firmas, 11 participantes na sección ArtEncaixe, 24 noveis deseñadores, encontros de palilleiras e moito máis na XXX Mostra do Encaixe Deputación da Coruña

Mañá, venres 8 de outubro, arrincará o trixésimo aniversario da Mostra do Encaixe Deputación da Coruña, que contará, ata o martes 12 de outubro, cun total de 12 grandes firmas, 11 participacións na novidosa sección ArtEncaixe, encontros de palilleiras, o concerto da París de Noia, música tradicional (a cargo dos grupos de gaitas 'Abrindo Rejo', 'Con todo en banda' e 'Vaiche boa'), a presentación da plataforma en liña MerCamariñas, unha proxección tridimensional e diversas exposicións.

Previamente á inauguración oficial, que está prevista para mañá, venres 8 de outubro, ás 17:00 horas da tarde, celebrarase un pleno extraordinario da corporación camariñá para investir como fillo predilecto do municipio a Xosé Luis Blanco Campaña.

Na inauguración intervirán a alcaldesa, Sandra Insua; o delegado do Goberno, José Miñones; e o presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso.

Ás 18:30 horas celebrarase o desfile PequeEncaixe, para posteriormente dar paso á presentación da pasarela de grandes firmas co modelo internacional Damián Álvarez, e pechará a xornada o desfile de grandes deseñadores.

Lembrar que como o aforo será limitado, sempre tendo en conta a normativa sanitaria, será indispensable contar con entrada antes de acceder ao recinto habilitado. O custe será de dous euros para o pase xeral, dous euros para cada desfile e poderase adquirir un pase para a xeral e un desfile por tres euros. Será indispensable o uso de máscara sanitaria.

Desde a organización destacan a "relevancia de todo un trixésimo aniversario, polo que levamos traballando durante máis de dous anos e agardamos que a realidade supere ás expectativas, que de por si son moi elevadas", transmiten.

LEMBRAMOS

Día: 8 de outubro de 2021

Hora: 17:00 horas

Recinto: pavillón Víctor Vigo de Camariñas, rúa Eugenio López, 12

(https://cutt.ly/9ENkIKV)

Intervirán: a alcaldesa, Sandra Insua; o delegado do Goberno, José Miñones; e o presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso.