Estás en:Novas

A Deputación apoia con 30.000 euros ao Banco de Alimentos de Santiago de Compostela

Valentín González Formoso destacou "o labor social tan fundamental que desempeña esta entidade, sobre todo neste período de crise sanitaria"

A Deputación apoia con 30.000 euros ao Banco de Alimentos de Santiago de Compostela

A Deputación da Coruña dedica 30.000 euros para axudar ao Banco de Alimentos de Santiago na adquisición de víveres de primeira necesidade destinados ás persoas en situación vulnerable da zona sur da provincia da Coruña.

O presidente da Deputación, Valentín González Formoso,  o responsable do Banco de Alimentos de Santiago, José Pita, e a deputada de Benestar Social, Ana Lamas, asinaron hoxe o convenio que ratifica a achega provincial. Na sinatura do acordo, González Formoso destacou "o labor social tan fundamental que desempeña esta entidade, sobre todo durante este período de crise sanitaria e económica sen precedentes".

Ao longo do ano, os seus 56 voluntarios e voluntarias desenvolven actividades de captación e reparto de alimentos. Dentro das súas tarefas inclúense tamén campañas de concienciación en empresas, centros educativos e sociais ou entre a poboación xeral sobre os problemas derivados da escaseza de alimentos e a falta de recursos necesarios para poder vivir unha vida digna.

Os alimentos recollidos por este Banco proceden de donativos de empresas alimentarias na meirande parte. Esta entidade examina os víveres que recibe cun minucioso control de calidade, clasifícaos e almacénaos para o seu posterior reparto, que selecciona segundo as necesidades de cada centro asistencial, co fin de facer chegar en perfectas condicións de consumo os alimentos ás persoas e familias. O Banco está en permanente en contacto coas institucións benéficas, tanto de consumo como de reparto, co fin de coñecer cales son as súas necesidades.

Páxinas suxeridas