Estás en:Novas

Xosé Regueira salienta a importancia da literatura para crear “produtos turísticos de calidade”

O vicepresidente da Deputación participou esta mañá na inauguración do Congreso Internacional 'A viaxe a través da palabra', organizado pola Universidade da Coruña, e que ten por finalidade estudar a divulgación dos destinos turísticos a través da literatura

Este Congreso forma parte das actividades de promoción do turismo cultural que se inclúen no convenio entre Deputación e Consorcio de Turismo da Coruña aprobado esta mañá en sesión plenaria

Xosé Regueira salienta a importancia da literatura para crear “produtos turísticos de calidade”

O vicepresidente da Deputación da Coruña, Xosé Regueira, participou esta mañá na apertura do congreso sobre literatura e turismo 'A viaxe a través da palabra', e que forma parte das actividades incluídas no convenio de colaboración entre a institución provincial e o Consorcio de Turismo da Coruña para impulsar a promoción internacional da cidade como destino de producións audiovisuais e de turismo cultural.

O vicepresidente e deputado de Turismo, Xosé Regueira asegurou, durante a súa intervención que "a literatura ten un papel importantísimo sobre o imaxinario e o ideario cultural que nos formamos sobre os lugares turísticos" e neste sentido indicou que "a literatura dános a oportunidade de crear produtos turísticos de máis calidade". Xosé Regueira explicou que "este ano foi un dos mellores en canto a datos en número de visitantes na nosa provincia pero agora debemos camiñar máis cara a calidade que cara a cantidade, polo que temos que traballar para captar aqueles perfís que máis nos interesen para xerar unha economía sustentable cando os fluxos do mercado turístico asenten".

Desde hoxe, e durante tres días, o Paraninfo do Reitorado da UDC acolle este encontro internacional que reúne a relatores e relatoras das tres universidades galegas –UDC, USC e Uvigo-, da Universidade Autónoma de Barcelona e de universidades europeas como as de Milán, Florencia, Durham e Kiel, así como a escritores e escritoras galegas e do Estado español, xornalistas especializados en viaxes e/ou turismo, fotógrafas e editores.

O vicepresidente, que parabenizou á Universidade da Coruña pola organización do encontro, tamén fixo referencia á importancia das obras literarias na difusión cultural dos destinos, ao tempo que asegurou que "estamos xa de partida nun territorio moi literario" en alusión á nómina de autores e autoras galegas que teñen difundido "un universo galego propio". Entre a vintena de participantes no Congreso destacan escritoras, como Cristina Morató, xornalistas especializados en Turismo, como Antón Pombo Rodríguez, ou divulgadores como o músico e escritor, Xurxo Souto.

Páxinas suxeridas