Estás en:Novas

A Deputación nomea a José Gestal ‘Cardoña’ como Fotógrafo Histórico

O Salón de Plenos da Deputación da Coruña acolleu esta mañá o acto institucional de nomeamento, presidido polo deputado de Cultura, Xurxo Couto, e no que participaron a filla do fotógrafo homenaxeado, Matilde Gestal, o alcalde de Carral, Javier Gestal Pose, e o comisario do premio Ksado, Xurxo Lobato

A Deputación nomea a José Gestal ‘Cardoña’ como Fotógrafo Histórico

O deputado de Cultura, Xurxo Couto, presidiu esta mañá o acto institucional no que a Deputación da Coruña nomeou como 'Fotógrafo Histórico' a José Gestal 'Cardoña', un recoñecemento que recolleu a súa filla, Matilde Gestal, e que se enmarca nas actividades do premio Luis Ksado de Creación Fotográfica.

A modestia, a profesionalidade e o voluntarismo de José Gestal 'Cardoña' estiveron moi presentes nas intervencións tanto do deputado de Cultura, como do alcalde de Carral, Javier Gestal Pose, e do comisario do premio Ksado, Xurxo Lobato. Así, Xurxo Couto asegurou que "Cardoña pertence a esa longa nómina de fotógrafos do pobo, que traballou de forma anónima coma tantos outros na súa época, e que vemos como o seu legado a día de hoxe ten un valor documental incalculable".

O deputado de Cultura tamén aproveitou para salientar que "a mirada de Cardoña sempre foi unha mirada de igual a igual, sen crítica nin exaltación, tan só coa intención de amosar a sociedade tal e como era na súa época". Xurxo Couto foi o encargado de facerlle entrega do nomeamento de José Gestal como 'Fotógrafo Histórico' á súa filla Matilde Gestal, que estaba acompañada do seu marido e fillos, así como doutros familiares, e por membros da corporación municipal de Carral.

Unha emocionadísima Matilde Gestal agracedeu -nun discurso ao que deu lectura Xurxo Lobado no nome dela- que se recoñeza "o traballo que fixo meu pai dun xeito humilde cunha cámara de fotos percorrendo os camiños de Carral e arredores". Tamén transmitiu que aínda que "el nunca buscou ningún tipo de protagonismo, eu como filla, o meu marido e os nosos fillos estamos realmente orgullosos do que foi capaz de facer. Hoxe sentímonos moi felices e fachendosos por este recoñecemento".

Pola súa banda, Javier Gestal Pose aproveitou para poñer en valor o traballo que se está realizando desde o Concello de Carral "recompilando fotos para o arquivo municipal para deixarlle a futuras xeracións un arquivo de imaxes, entre as que se encontran de xeito destacado as de Cardoña". O rexedor de Carral asegurou que "Cardoña era un fotógrafo humilde pero moi querido e que seguro que el non foi consciente da importancia do seu traballo pero a día de hoxe non casa de Carral que non teña unha foto del".

O comisario do premio Luis Ksado de Creación Fotográfica, Xurxo Lobato, que actuou como mantedor do acto salientou "o inmenso valor documental do traballo de Cardoña que nos legou imaxes de costumes, do urbanismo, das festas, das xentes e da vida de toda unha época". Xurxo Lobato tamén mencionou que, nesta homenaxe e como novidade, tamén se editou unha pequena publicación sobre a vida de José Gestal 'Cardoña', cun texto do técnico de Cultura de Carral, Carlos Lorenzo, e unha escolma de fotos representativas do traballo de 'Cardoña'.

José Gestal, coñecido popularmente como 'Cardoña', nacera no municipio de Cambre mais desenvolveu a maior parte do seu labor como fotógrafo en Carral e na súa contorna, entre as décadas de 1940 e 1980. Durante este período, converteuse nun habitual das xentes da comarca, sendo o fotógrafo de cabeceira para as cerimonias familiares (bautizos, comuñóns e vodas), para requirimentos administrativos (fotos para carnés de identidade) e tamén en eventos deportivos e romarías. Deste xeito, o seu legado materialízase nun arquivo de moi diversa temática que en conxunto dá mostra da forma de vida das familias da comarca en diferentes contextos. 'Cardoña' tiña ademais o costume de identificar o seu traballo selando o reverso das fotografías co distintivo 'Foto Gestal' e a data da captura da imaxe.

Páxinas suxeridas