Estás en:Novas

Máis de mil cincocentos escolares participarán nas festas concerto de Correlingua

Oito concertos encabezan o o programa de actividades que comezará na Coruña e se prolongará ata o novembro por toda Galicia

As festas concerto celebraranse polo sistema de aula burbulla para cumprir coa norma sanitaria e retransmitidos a través de You Tube

Máis de mil cincocentos escolares participarán nas festas concerto de Correlingua

O vindeiro 20 de outubro comezarán as actividades do Correlingua 2021 baixo o lema "Inmunízate co galego" que terán como principal oferta oito concertos en outras tantas poboacións galegas comezando pola Coruña. Os concertos celebraranse polo sistema de aula burbulla para manter todas as garantías sanitarias, con capacidades controlados e con retransmisión en liña. Máis de 1.500 escolares participarán nos oito concertos previstos. As actividades completas de Correlingua para este outono foron presentadas na Deputación da Coruña pola deputada de Normalización Lingüística e Igualdade, María Muíño, Suso Bermello, secretario nacional da CIG Ensino; e Patricia Varela, presidenta da AS-PG. Tamén participaron na presentación a medios, o presidente de Correlingua, Anxo Terán; e a representante da Mesa pola Normalización Lingüística, Celia Armas. No Correlingua 2021 colaboran as deputacións da Coruña, Lugo e Pontevedra, e os concellos da Coruña, Pontevedra, Vigo, Ferrol, Bueu, A Estrada, Verín e Foz.

Tras dar a coñecer nos pasados meses os gañadores e gañadoras dos concursos de Cantalingua, e os de vídeo e banda deseñada, máis o manifesto gañador para esta edición 2021 de Correlingua, a partir do vindeiro día 20 de outubro comezarán as actividades ao vivo coas alumnas e alumnos dos distintos centros. O punto principal das actividades son os oito concertos noutras tantas cidades e vilas galegas que ocuparán o calendario deste agora ata finais de novembro. Ademais dos concertos, este Correlingua 2021 ofrecerá actividades como obradoiros de escrita creativa, obradoiros de regueifas e banda deseñada e outras actividades de pequeno formato para desenvolver nos centros como a nomeada Palabras sobre o vento.

Os oito concertos celébranse fóra dos centros e terán unha asistencia media de 200 alumnos e desenvolveranse baixo o sistema de aula burbulla para garantir as medidas sanitarias, e que supón unha novidade con respecto á edición anterior do Correlingua. Sobre esta segunda edición de Correlingua en tempos de pandemia falou a deputada responsable de Normalización Lingüística da Deputación da Coruña, María Muíño, salientou a importancia de actividades como o Correlingua para "defender o dereito a medrar e a vivir en galego". Muíño apuntou que este é "un dereito que agora mesmo non está garantido".

Para Suso Bermello, secretario nacional de CIG-Ensino, Correlingua leva vinte e unha edicións e hai que preguntarse que fan organizacións como as que están impulsando este evento "facendo o traballo de defensa do idioma que non está facendo nin a Xunta de Galicia nin a Consellería de Educación". Bermello engadiu que todos os estudos e todos os datos "sinalan a mala situación do uso do galego no ensino, confirmado no dato de que 3 de 4 escolares que acaban o ciclo de estudos obrigatorios descoñecen o galego".

Patricia Varela, presidenta da AS-PG lembrou o lema desta vixésimo primeira edición do Correlingua, "Inmunízate coa lingua", para explicar que non "é accesorio porque o Correlingua non son só as festas finais". Relatou todas as actividades que rodean a este evento: os concursos de vídeo, de banda deseñada ou o que escolle o manifesto de cada ano. "Son actividades -sinalou Varela- que fan que o alumnado sexa protagonista dentro e fóra da aulas". Sinalou tamén que as actividades queren ser motivadoras do uso do galego na aula e que ese uso teña continuación fóra.

Festas Concerto con datas e localidades pechadas: 

  • 20 de outubro na Coruña, Auditorio Ágora e festa grande provincial, actuarán: Pauliña (gañador do Cantalingua) e Galeatro. Emisión en directo
  • 21 de outubro en Pontevedra, na Alameda, actuarán Pauliña e presenta Isabel Risco. Emisión en directo.
  • 26 de outubro en Vigo no auditorio municipal e festa grande provincial actuarán Os John Deeres (2º no Cantalingua) e Cé Orquestra Pantasma, presenta Isabel Risco. Emisión en directo.
  • 28 de outubro en Ferrol no auditorio municipal, actuarán Música Miúda, presenta Fran Rei. Emisión en directo.
  • 29 de outubro en Bueu no Centro Social do Mar, actuarán Música Miúda, presenta Fran Rei. Emisión en directo.
  • 3 de novembro na Estrada no Teatro Principal, actuarán Música Miúda, presenta Fran Rei. Emisión en directo.
  • 22 de novembro. Verín
  • A festa de peche do Correlingua deste ano será en Foz.

Páxinas suxeridas