Estás en:Novas

Iván Domínguez abrirá o programa de showcookings da Deputación no Fórum Gastronómico de Barcelona

Tamén participarán Rocío Martínez do restaurante Pementa Rosa de Carballo, Lolo Mosteiro e Paula Martínez d´A Artesa da Moza Crecha de Betanzos, Pepe da Muradana de Muros, Montserrat Santos de Casa do Tella de Portosín, Manuel Pérez de Casa do Selmo de Urdilde, e Paco Moar de Casa Pena de Moeche

Iván Domínguez abrirá o programa de showcookings da Deputación no Fórum Gastronómico de Barcelona

A área de Turismo da Deputación da Coruña desembarcará a vindeira semana, entre o luns 18 e o mércores 20, no Fórum Gastronómico de Barcelona cun ambicioso programa de showcookings da man de cociñeiros e cociñeiras representativas dos xeodestinos turísticos da provincia.

Deste xeito, a institución provincial volve repetir a exitosa experiencia que iniciara en 2019 en Barcelona de promoción da diversidade e do bo facer que o sector da restauración galega está a ofrecer nos últimos anos. "Fóra de Galiza ninguén dubida que temos un produto e unha materia prima culinaria de primeirísima calidade pero o nivel da restauración galega aínda non está tan consolidado fóra das nosas fronteiras, e precisamente o marco que ofrece o Fórum para difundir esta faceta é un dos máis acaídos" asegura o vicepresidente e deputado de Turismo, Xosé Regueira.

Será o propio Xosé Regueira o que se encargue de presentar o primeiro dos showcookings cos que a Deputación abre o seu programa de actividades e que correrá a cargo de Iván Domínguez. Será o luns 18 ás 15:30h na Sala Ágora, un espazo que o Fórum Gastronómico reserva para os cociñeiros máis representativos que participan na Feira. O cociñeiro coruñés presentará unha degustación denominada "NaDO, a edificación dun concepto ancorado ao territorio".

O programa de showcookings continuará durante os tres días da Feira da man de Rocío Martínez do restaurante Pementa Rosa de Carballo, Lolo Mosteiro e Paula Martínez d´A Artesa da Moza Crecha de Betanzos, Pepe da Muradana de Muros, Montserrat Santos de Casa do Tella de Portosín, Manuel Pérez de Casa do Selmo de Urdilde, e Paco Moar de Casa Pena de Moeche.

Trátase, segundo explica Xosé Regueira, de "promocionar a riqueza do sector gastronómico como unha das fortalezas turísticas da provincia e, sobre todo, como un elemento para atraer e consolidar un turismo de calidade".

O Fórum Gastronómico de Barcelona, que ten lugar no recinto feiral de Montjuït na praza de España, é un lugar de encontro dos principais nomes da cociña contemporánea e de empresas punteiras do ámbito gastronómico. Como en edicións anteriores, a Deputación da Coruña participa cun posto en que se distribuirá material promocional da provincia ademais de ser o escenario dos showcookings.

Programa
Luns 18
15:30-16:15h. Xosé Regueira presenta a Iván Domínguez na sala Ágora. Iván Domínguez presenta unha degustación denominada "NaDo, a edificación dun concepto ancorado ao territorio" PROVINCIA A CORUÑA
18:00h. Rocío Martínez Rodríguez do restaurante Pementa Rosa de Carballo. Título showcooking: Cociña de proximidade. Carballo como punto de recepción de materias primas de quilómetro cero.

Martes 19

12:30h. Lolo Mosteiro e Paula Martínez do restaurante A Artesa da Moza Crecha de Betanzos. Título showcooking: Da Reserva da Biosfera ao Concepto A Coruña e As Mariñas

Mércores 20
12:00h. José Senande do restaurante A Muradana, Muros. Montserrat Santos do restaurante Casa do Tella e Rosalía. Portosín (Porto do Son).
Manuel Pérez do restaurante Casa do Selmo, Urdilde (Rois).
16:00h Paco Moar do restaurante Casa Pena de Moeche. Título showcooking: Unha esquina esquecida

Páxinas suxeridas