Estás en:Novas

Xa pode visitarse no Museo do Pobo Galego a exposición do XV Premio Ksado de Fotografía

Esta tarde inaugurouse a mostra que inclúe a colección gañadora "Atrapados ás portas de Europa" do leonés José Manuel López Pérez, ademais das seis coleccións finalistas correspondentes a Brais Lorenzo, Javier Atienza, Clemente Bernard, Jesús Caballero, Miguel Gómez Muñiz e Jesús Madriñán

Xa pode visitarse no Museo do Pobo Galego a exposición do XV Premio Ksado de Fotografía

O presidente do Padroado do Museo do Pobo Galego, Xusto Beramendi, o deputado de Cultura da Deputación da Coruña, Xurxo Couto, e o comisario do premio Luís Ksado de Creación Fotógrafia, Xurxo Lobato, foron os encargados de inaugurar a exposición que amosa as coleccións gañadora e finalistas deste premio e que permanecerá aberta ata o 14 de novembro. Na inauguración tamén participaron o fotógrafo gañador desta XV edición do premio, o leonés José Manuel López Pérez, e dous dos finalistas, Miguel Gómez Muñiz e Jesús Caballero.

Na súa intervención, o presidente do Padroado do Museo do Pobo Galego, Xusto Beramendi aproveitou para "agradecer á Deputación da Coruña, que forma parte do Padroado do Museo do Pobo Galego, a súa inestimable colaboración co Museo, así como o mantemento deste premio que leva o nome dunha das figuras máis importantes da Historia da fotografía".

O deputado de Cultura, Xurxo Couto asegurou que "as fotografías que podemos ver aquí non só narran cada unha un relato propio, senón que tamén son imaxes que conmoven, que inspiran, que promoven a reflexión e que nos permiten coñecer e re-coñecérmonos no mundo". O deputado tamén fixo referencia a que o conxunto das coleccións "compoñen un acervo documental que, a bo seguro, está chamado a formar parte da memoria colectiva do futuro, tanto desde a crítica e a denuncia, como desde a homenaxe, a sensibilidade e o respecto."

Pola súa banda o comisario do premio, Xurxo Lobato fixo fincapé en que "no Ksado non se premia a casualidade dunha boa foto senón que se valoran coleccións de entre seis e doce fotografías que no seu conxunto expresen e narren unha historia, que compoñan unha narrativa visual". Tamén lembrou que, ademais do galardón en si "o premio tamén se compón dunha serie de actividades que buscan expandir a importancia da fotografía entre a sociedade, como son os obradoiros fotográficos, a itinerancia desta exposición por outros concellos da provincia e a edición do catálogo".

Convén lembrar que nesta edición do Premio Ksado, o xurado elixiu como gañador o traballo presentado por José Manuel López Pérez, composto por unha colección de imaxes que crean un relato visual sobre a viaxe das persoas refuxiadas a través das montañas de Bosnia. As coleccións finalistas, nesta XV edición do premio, están compostas por "Tempos de pandemia" presentada por Brais Lorenzo, que narra este momento histórico que estamos a vivir a nivel mundial; "Horizonte de area" de Javier Atienza sobre o exilio do pobo saharauí; "Morrer de soños" de Clemente Bernard sobre os desaparecidos na guerra civil; "Estrada descoñecida" de Jesús Caballero sobre as paisaxes da decadencia e o abandono; "Segunda pel" de Miguel Gómez Muñiz, unha serie de retratos que relacionan o ámbito profesional e privado das mulleres mariscadoras; e "A esmorga" de Jesús Madriñán, que retrata o universo da mocidade de festa na madrugada.

Páxinas suxeridas