Estás en:Novas

Estréase en Arzúa a curtametraxe gañadora do concurso conta a violencia de xénero

O Multiusos 'Terra do queixo' de Arzúa acolleu a presentación da curta "Escondite inglés", que gañara o VII concurso de guións contra a violencia de xénero que convoca a área de Igualdade da Deputación da Coruña

Estréase en Arzúa a curtametraxe gañadora do concurso conta a violencia de xénero

Na tarde de onte estreouse no Multiusos 'Terra do queixo' de Arzúa a curtametraxe "Escondite Inglés" que gañara o VII concurso de guións contra a violencia de xénero que convoca a área de igualdade da Deputación da Coruña. Na presentación estiveron presentes as docentes que titorizaron o traballo audiovisual Ana Rodríguez Suárez, Maca Rocamonde e Esperanza Rocamonde, a actriz Elena Peteiro, o coordinador do obradoiro de curtametraxe, Omar Rabuñal, a concelleira de Cultura de Arzúa, Aurora Valera, e o deputado de Patrimonio da Deputación da Coruña, Xosé Lois Penas.

O deputado de Patrimonio, Xosé Lois Penas lembrou que o xurado que elixira "Escondite Inglés" como guión gañador salientara "a boa estrutura técnica e unha dinámica moi traballada, que presenta a unha muller moi actual." Cabe lembrar que o obxecto do certame é que o alumnado elabore un guión de curtametraxe a través do cal se xere reflexión, conciencia, sensibilización, identificación e prevención da violencia económica como forma de control e dominación.

Neste sentido, Xosé Lois Penas indicou que "este é o sétimo traballo audiovisual que poñemos en formato libre para que a sociedade no seu conxunto poida usalos para concienciar á poboación en xeral sobre a violencia económica exercida sobre as mulleres como forma de violencia de xénero que limita o seu empoderamento e fomenta a dependencia, caldo de cultivo da violencia machista".

Nas sete edicións desta convocatoria, este concurso foi gañado por alumnas e alumnos do Instituto Poeta Añón do Concello de Outes, do Instituto Rafael Puga Ramón do Concello da Coruña, do IES Moncho Valcarce do Concello de As Pontes de García Rodríguez, do I.E.S. Isaac Díaz Pardo do Concello de Sada, do I.E.S. Moncho Valcarce do Concello As Pontes de García Rodríguez, do I.E.S. Lamas de Abade do Concello de Santiago de Compostela, polo I.E.S. de Arzúa.

Páxinas suxeridas