Estás en:Novas

A Deputación pon en valor a calidade do produto e a profesionalidade de cociñeiros e cociñeiras da provincia no Fórum Gastronómico de Barcelona

Iván Domínguez do restaurante NaDo e Rocío Martínez do restaurante Pementa Rosa abriron esta tarde o programa de showcookings co que a área de Turismo da Deputación promociona a gastronomía dos xeodestinos da provincia

Xosé Regueira destaca que este programa amosa "unha cociña slow, de quilómetro cero e baseada na economía circular"

A Deputación pon en valor a calidade do produto e a profesionalidade de cociñeiros e cociñeiras da provincia no Fórum Gastronómico de Barcelona

A área de Turismo da Deputación da Coruña vén de iniciar o seu programa de showcookings no marco do Fórum Gastronómico de Barcelona da man do cociñeiro Iván Domínguez do restaurante NaDo (A Coruña) e da cociñeira Rocío Martínez do restaurante Pementa Rosa (Carballo). Un programa que desde a área de Turismo da institución provincial se deseñou co obxecto de poñer en valor a profesionalidade dos cociñeiros e cociñeiras da provincia, a boa calidade do produto e da materia prima culinaria, e a promoción dos xeodestinos asociándoos á súa gastronomía.

O vicepresidente da Deputación e deputado de Turismo, Xosé Regueira destaca que este programa representa "un compromiso co territorio, nomeadamante cos produtores e produtoras, e amosa unha cociña slow, de quilómetro cero e baseada na economía circular"

O vicepresidente foi o encargado de abrir a presentación do programa na Sala Ágora, o espazo do Fórum reservado para os cociñeiros máis representativos que participan neste encontro. O cociñeiro coruñés presentou unha degustación denominada "NaDO, a edificación dun concepto ancorado ao territorio", na que ofreceu tres pratos: mexillón, escabeche emulsionado e leituga de mar; fabas de Lourenzá "sen ameixas" de Carril; e salmonete asado con xugo de espiñas e pementos de 'Calabacín Rojo'.

A media tarde, e xa no posto da Deputación, foi a quenda da cociñeira Rocío Martínez quen presentou unha degustación denominada "Cociña de proximidade, Carballo como punto de recepción de materias primas de quilómetro cero". Durante o seu showcooking, Rocío Martínez aproveitou para situar a Costa da Morte, as lonxas de Malpica e Laxe e a feira de Carballo como puntos estratéxicos na venda de produtos propios da comarca de Bergantiños, entre os que sinalou a pataca fina de Carballo, os grelos e as fabas de Cabana. En relación a estes produtos, elaborou unha receita de xurelo curado en auga de mar con ceboliñas encurtidas e figos de tempada, e outra de polbo con pataca fina de Carballo, grelos e fabas.

Tamén na xornada deste luns, no mostrador do posto da Deputación se promocionou, entre outras ofertas turísticas da provincia, o Castelo de Vimanzo a través da degustación de bica realizada por panadeiros e pasteleiros deste Concello para vincular unha experiencia gastronómica ao Castelo e complementar os seus valores culturais e patrimoniais.

O programa de showcookings continuará até o mércores da man de Lolo Mosteiro e Paula Martínez de A Artesa da Moza Crecha de Betanzos, Pedro Coego do restaurante O Recuncho do Convento de Melide, Pepe da Muradana de Muros, Montserrat Santos de Casa do Tella de Portosín, Manuel Pérez de Casa do Selmo de Urdilde, e Paco Moar de Casa Pena de Moeche.

O Fórum Gastronómico de Barcelona, que está tendo lugar no recinto feiral de Montjuït na praza de España, é un lugar de encontro dos principais nomes da cociña contemporánea e de empresas punteiras do ámbito gastronómico. Como en edicións anteriores, a Deputación da Coruña participa cun posto en que se distribúe material promocional da provincia ademais de ser o escenario dos showcookings.

Páxinas suxeridas