Estás en:Novas

Valentín González Formoso visita o coworking da Capela, que entra en funcionamento para “crear emprego e fixar a poboación no rural”

O presidente provincial visitou o centro pertencente á Rede de Espazos de Traballo Colaborativo da Deputación que acaba de abrir as súas portas e conta xa con trece proxectos empresariais aloxados nas súas instalacións

Valentín González Formoso sinalou que con este espazo "buscamos ofrecer novas oportunidades á mocidade e reactivar a economía e o emprego no rural para evitar o despoboamento a través da creación de novos postos de traballo"

Valentín González Formoso visita o coworking da Capela, que entra en funcionamento para “crear emprego e fixar a poboación no rural”

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, e o alcalde da Capela, Manuel Meizoso, visitaron o centro de coworking da Capela, que vén de entrar en funcionamento con trece proxectos empresariais xa aloxados nas súas instalacións. González Formoso destacou no encontro a capacidade dos Espazos de Traballo Colaborativo do ente provincial para "incubar novos proxectos e xerar emprego nas zonas rurais".

As instalacións sitas no primeiro andar do antigo centro de saúde das Neves contan cunha superficie de preto de 180 metros cadrados e capacidade para acoller ata once persoas emprendedoras. A Deputación e o Concello da Capela sumaron forzas para acondicionar este espazo a través de actuacións de renovación que contaron cun investimento de 75.000 euros, dos que o 80% (60.000 euros) foron achegados polo ente provincial.

O edificio, pertencente á Rede de Espazos de Traballo Colaborativo do ente provincial, pretende ser referente na creación de emprego e na reactivación da economía no rural. "Iniciamos a andaina dun novo centro de coworking provincial co que desde a Deputación, xunto co Concello da Capela, buscamos ofrecer novas oportunidades á mocidade e reactivar a economía e o emprego no rural para evitar o despoboamento a través da creación de novos postos de traballo", sinalou González Formoso. O centro recibiu xa ás primeiras persoas usuarias a comezos de outubro e conta na actualidade con trece iniciativas, atopándose case ao 100% da súa capacidade.

A zona de traballo divídese en 3 oficinas modulares con mesas, cadeiras, armarios, enchufes e tomas de conexión de banda ancha, ademais dun espazo de traballo conxunto con 8 postos e unha ampla sala de reunións. Nas instalacións acolleranse proxectos pertencentes a sectores como o de organización de eventos, pasando por empresas de experiencias turísticas no Eume, reparación e custodia de cavaranas, ocio e coidado infantil, ata negocios de asesoramento financeiro, construción de vivendas sostibles e eficiencia enerxética.

Durante a súa visita ao centro, o presidente provincial felicitou o Concello e o equipo de xestión "pola rápida dinamización deste espazo, que se abriu ao público o pasado 4 de outubro e que na actualidade conta xa con 13 proxectos empresariais". A través destas instalacións a Deputación pretende fomentar o espírito emprendedor, a creación de novas empresas, a mellora da competitividade, a colaboración interempresarial e a captación de novas iniciativas. "Temos moito talento en Galicia, non podemos permitir que se vexa na necesidade de emigrar, é moi necesario que as diferentes administracións galegas colaboremos para poñer en marcha iniciativas de dinamización que permitan dar oportunidades para que a xuventude poida traballar e asentarse no territorio", incidiu González Formoso.

Espazos de coworking da Deputación da Coruña

O coworking da Capela foi o sétimo centro en sumarse á Rede de Espazos de Traballo Colaborativo da Deputación que a día de hoxe xa integran nove centros: o Pazo de Arenaza en Oleiros, o coworking de Carballo, Daquí Darredor en Brión, Lab Barbanza de Boiro, A Proa en Ames, A Fusquenlla en Moeche, A Estación de Vedra e o Green coworking das Pontes.

Titorización e apoio ao emprendemento

O presidente da Deputación tamén explicou na súa visita á Capela que aqueles proxectos que se instalen no lugar "recibirán titorización e apoio individualizado e continuo para poñer en marcha as diferentes ideas de negocio". Así mesmo, a entidade provincial porá en marcha actividades e formacións co obxectivo de orientar e dar apoio aos proxectos empresariais neste proceso de incubación para que cheguen a transformarse en exitosos negocios. Destacan entre as iniciativas cursos como o de "Plan integral de creación de empresa" ou o de "Vías para conseguir financiamento para o teu proxecto empresarial", aos que se sumarán obradoiros temáticos e eventos para fomentar o espírito da comunidade.

"A Capela constitúe tamén un sitio excepcional para establecer novas sinerxías entre persoas emprendedoras, esencial para que o noso tecido económico siga desenvolvéndose", sinalou González Formoso.

Páxinas suxeridas