Estás en:Novas

A final do Premio Narf celébrase o 21 de novembro na Coruña coas bandas Peña, Tandub, Sleepy Spice, Elba e Secho

A final terá lugar no seo dunha gala no Teatro Colón da Coruña o vindeiro 21 de novembro ás 19.30 h, que será retransmitida en directo a través do canal de Youtube da Deputación da Coruña

Os grupos elixidos son boa mostra da calidade e diversidade que poboa hoxe en día a música galega, desde electrónica ata música tradicional

Actuará como banda convidada Grande Amore nunha gala conducida pola xornalista Neves Rodríguez

Dentro das actividades paralelas do Premio, o 20 de novembro terá lugar unha Xornada Formativa para músicos

A final do Premio Narf celébrase o 21 de novembro na Coruña coas bandas Peña, Tandub, Sleepy Spice, Elba e Secho

A final do Concurso Fran Pérez "Narf" para grupos e artistas musicais que promove a Deputación da Coruña terá lugar dentro dun mes, o domingo 21 de novembro no Teatro Colón da Coruña ás 19.30 horas nun espectáculo aberto ao público que tamén será retransmitido en directo a través do canal de Youtube da Deputación da Coruña. Nel participarán as cinco bandas finalistas: Peña, Tandub, Sleepy Spice, Elba e Secho, ademais de GrandeAmore, o grupo convidado, nun acto que estará conducido pola xornalista Neves Rodríguez.

O Concurso Fran Pérez "Narf" de música ten o obxectivo de difundir, apoiar e promocionar os grupos e artistas musicais das diferentes comarcas e localidades galegas, así como lembrar e difundir socialmente a figura e a o obra do músico e compositor Fran Pérez "Narf". Algunhas das bandas gañadoras deste premio son Mounqup, Bala ou Familia Caamagno, entre outros.

O xurado que elixiu os finalistas e escollerá os gañadores está formado por Xurxo Couto, deputado de Cultura da Deputación da Coruña, como presidente; ademais da cantora Uxía, os xornalistas Carlos Crespo, María Yáñez e Teresa Cuíñas, e o crítico musical Pepe Cunha. A banda gañadora será elixida durante unha gala final que terá lugar no Teatro Colón da Coruña o sábado 21 de novembro e que se emitirá tamén a través de 'streaming'.

Xornada formativa
Dentro das actividades paralelas do Premio, o 20 de novembro terá lugar na sala Juanjo Gallo da Deputación da Coruña unha Xornada Formativa para grupos e artistas musicais que incluirá as seguintes conferencias:
- Marisa Moya: "Claves para conseguir unha carreira artística de longo percorrido". Directora de Emerge Producciones, é manager de León Benavente, Sidonie e Marwan, entre outros.
- Lucía Martínez: "A comunicación: Conceptos e ferramentas básicas (I): identidade dixital e redes sociais". Responsable de redes sociais en The Office Comunicación, axencia especializada en comunicación cultural.
- Lucía Pita: "A comunicación. Conceptos e ferramentas básicas (II): a relación cos medios de comunicación". Prensa de The Office Comunicación: Festival Noroeste, Festival Sinsal ou SonRías Baixas; e bandas como Tanxugueiras, Sés ou Luar Na Lubre.
- Xabier Alonso: "Coida os teus dereitos de autor no mundo dixital". Avogado especializado en propiedade intelectual e dereito da cultura e o espectáculo.

As bandas finalistas
PEÑA veñen de publicar o seu primeiro longa duración titulado 'Carreiro', logo do EP 'Fórmula'. A banda formada por Toño Magariños (diola, Unicornibot), Rubén Abad (Cró!, Trilitrate) e Elena Vázquez (Trilitrate) foi quen de fiar un corpo de cancións exquisito, que casa sinxeleza con idiosincrasia e valentía formal.

TANDUB é a fusión da música tradicional Gnawa (norte de Marrocos, Tánxer) con outros xéneros como o reggae, o drum&bass e a electrónica, cun potente directo. Acadan un son vibrante, intenso e sólido empregando instrumentos clásicos nas bandas de fusión (guitarra, baixo ou percusión) coas novas tecnoloxías (electrónica), co hajhouh e as karkabas (instrumento tradicional marroquino). Os seus compoñentes proceden de bandas como Lamatumbá, Dar Gnawa, Tabú ou Kondiós.

SLEEPY SPICE é unha artista de música urbana en galego e castelán que compón, grava e mestura os seus temas nun móbil. O que comezou como un proxecto de autoaprendizaxe de produción musical e beatmaking foise convertendo pouco a pouco nun proxecto musical e artístico sólido, con varios singles publicados, como "Yo me dejo" (2020) e "Outro lado" (2020).

ELBA comeza na música xa na infancia, formando parte do coro infantil do Orfeón Terra a Nosa e posteriormente no coro de voces brancas da orquestra sinfónica do CMUS de Santiago. Con 18 anos funda Ivy Moon e participa en diversos festivais. No seu proxecto actual mestura diferentes estilos como synth pop, new wave ou post-punk con elementos tan clásicos como o canto lírico, e mesmo reinterpreta nos seus concertos en vivo obras puramente líricas con instrumentos cargados de sintetizadores.

SECHO escribía cancións para si mesmo desde os albores deste século ata que en 2009 a banda Medomedá o convida a abrir un dos seus concertos en Compostela. Nese verán rexistra en Pouland Studios o seu primeiro EP, que sae co nome de "Secho y los Invisibles". Despois de varias formacións e concertos por todo o país, publica en 2016 'Xa fai un tempo' (Discos da Máquina). E agora regresa en 2021 con 'Recuperar', o seu terceiro traballo gravado con Iago Pico e rodeado de músicos como Dani Riveiro, Lois Carlín e Tomás Porteiro, ademais doutras colaboracións. Outro feixe de cancións  que van do folk americano ao pop intimista adubiado polas montañas do Barbanza.

Páxinas suxeridas