Estás en:Novas

Noelia Perpetuo, de Culleredo, e o dúo Bonhomía, da Coruña, gañan o V Concurso ‘Quero Cantar’

Noelia Perpetuo, de Culleredo, e o dúo Bonhomía, da Coruña, gañan o V Concurso ‘Quero Cantar’

A cullerdense Noelia Perpetuo coa canción "Bolboreta" e o dúo coruñés Bonhomía co tema "Veneradas obrigas" son as gañadoras da V edición do Concurso 'Quero Cantar' da Deputación da Coruña. Ademais, o xurado decidiu facer unha mención especial a Raquel Barreiro, de Ames, polo seu tema "Que queda xa?" atendendo á calidade da letra e da melodía coa que concorreu ao certame.

Nesta edición do 'Quero Cantar' só se convocou a categoría xuvenil e o xurado estivo composto por Francisco Amil Serantes, Guadalupe Blanco Vázquez, Mª José Pérez Ferreira, Olga María Kirk Martínez e Sergio Ramón Delgado Castillo, presidido polo deputado de Cultura, Xurxo Couto, e actuou como secretaria a xefa do Servizo de Acción Social, Cultura e Deportes, Mercedes Fernández-Albalat Ruiz. Tamén estivo presente o comisario do concurso, Tono Formoso.

O xurado valorou a calidade artística tanto da composición musical como da letra dos temas, e tanto para a canción 'Bolboreta' de Noelia Perpetuo como para 'Veneradas obrigas' de Bonhomía salientan a alta calidade de ambas propostas, que son as que acadan as puntuacións máis elevadas.

O Concurso "Quero Cantar", que fai neste 2021 a súa quinta edición despois da cancelación temporal sufrida en 2020 pola situación sociosanitaria, ofrece como premio un Programa Formativo que inclúe unha titorización creativa e un obradoiro de difusión musical en redes sociais.

Noelia Perpetuo quedara como finalista do premio do público no concurso Youtubeir@s 2020 e asegura que foi o profesor de galego do seu instituto o que a animou a cultivar a súa creatividade musical. O tema 'Bolboreta' co que concorre ao Concurso 'Quero Cantar' é unha canción cuxo retruso está baseado en poemas de Curros Enríquez e cuxa base foi realizada pola propia Noelia.

Bonhomía é un dúo composto por Álex (Carolina García) e Smert (Pablo Araúxo). Aseguran que o proceso de composición do tema 'Veneradas obrigas' foi relativamente rápido, posto que Álex compuxo a letra nunha tarde e en varias semanas gravaron unha pista de ukelele, sete pistas de guitarra, unha de baixo e tres de batería. Manifestan con orgullo que na composición do tema non contaron con axuda de persoas alleas.

Raquel Barreiro xa participara en dúas ocasións anteriores no Concurso 'Quero Cantar' (cos grupos 'As estrelas do rock' e 'Ramallosos'). Ten estudos de frauta traveseira e de guitarra e nos últimos meses animouse a escribir cancións en solitario. O seu tema 'Que queda xa?' é unha mostra das súas composicións.

Páxinas suxeridas