Estás en:Novas

Comezan os traballos de posta en valor do petróglifo de Bouza Abadín, en Dodro

Están financiados pola área de Turismo da Deputación da Coruña e consisten na limpeza dos soportes gravados con técnicas manuais, a eliminación da vexetación intrusiva e a sinalización e deseño de cartelaría específica sobre este elemento arqueolóxico

Comezan os traballos de posta en valor do petróglifo de Bouza Abadín, en Dodro

Na xornada de hoxe comezaron os traballos de conservación e posta en valor do petróglifo de Bouza Abadín, na CCMM "Cruz do Avelán" no Concello de Dodro, que contan con financiamento da área de Turismo e Patrimonio Histórico da Deputación da Coruña.

Os traballos, que se inician tras os labores de roza nos terreos nos que se asenta o petróglifo levados a cabo a semana pasada, teñen por obxecto a limpeza dos soportes gravados, a eliminación da vexetación intrusiva, a documentación rigorosa dos motivos, e a sinalización e elaboración de paneis explicativos.

Convén lembrar que esta colaboración entre a área provincial de Turismo e o Concello de Dodro para levar a cabo esta intervención chega tras unha xuntanza a comezos do presente mandato entre o vicepresidente provincial, Xosé Regueira, e os concelleiros Cultura e Ensino de Dodro, Xoán Xosé Vicente Franco e Abel Tarrío, e na que se acorada dar pasos conxuntos para a mellora e promoción deste ben patrimonial de especial interese no Concello de Dodro.

O petróglifo de Bouza Abadín que posúe unhas privilexiadas vistas sobre o río Ulla, é sen dúbida o máis coñecido do concello de Dodro. A razón principal da súa singularidade, ademais do enclave natural privilexiado no que se atopa, é a súa combinación de motivos xeométricos, tales como círculos e "cazoletas", e motivos naturalistas, con a representación de animais como cervos e escenas de equitación.

Na actualidade, a visibilidade dos gravados estaba a ser cada vez máis dificultosa debido a un manto de colonización biolóxica que cubría parcialmente as pedras, posto que a última intervención data de 2011.

Os traballos serán realizados pola empresa especializada Árbore S.Coop. Galega e consistirán na limpeza en seco dos soportes gravados eliminando a vexetación máis intrusiva e daniña seguindo as pautas de restauración pertinentes e mediante o uso de palillos de madeira, cepillos etc. Posteriormente documentarase cada motivo mediante fotogrametría e xeración de modelos 3D que serán utilizados como base para a obtención de calcos dixitais. Por último, tamén se deseñará unha cartelería específica que integre o petróglifo cos demais bens patrimoniais da súa contorna

O petróglifo de Bouza Abadín forma ademais parte da ruta  Pena Nao, baseado na novela de Anxo Angueira; un recurso de especial interese cultural e patrimonial que pasa polos principais lugares arqueolóxicos de Dodro. Está considerado, ademais, un tesouro da Idade de Bronce.

Páxinas suxeridas