Estás en:Novas

Valentín González Formoso aborda cos representantes de Unións Agrarias a situación do sector eólico e primario en Galicia

Valentín González Formoso mantivo unha reunión esta mañá en Santiago de Compostela coa comisión executiva e os responsables sectoriais da organización en Galicia

Tratáronse os problemas actuais e o modelo de futuro dun rural galego "onde a prestación de servizos ten que ser equiparable ao mundo urbano", afirmou o presidente provincial

Valentín González Formoso aborda cos representantes de Unións Agrarias a situación do sector  eólico e primario en Galicia

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, mantivo esta mañá en Santiago de Compostela unha reunión coa comisión executiva e os responsables sectoriais de Unións Agrarias para abordar a situación dos sectores eólico e primario en Galicia.

Na reunión sectorial "A enerxía eólica: unha achega de valor ao medio rural", o presidente provincial agradeceu aos representantes de UU.AA. "que me deixaran compartir con todas e todos unha visión do mundo rural que evidentemente é compartida", tratáronse os problemas actuais e o modelo de futuro dun rural galego "onde a prestación de servizos ten que ser equiparable á do mundo urbano", sinalou Formoso.

"O rural galego require da implicación e da visión moi proactiva de todas as administracións", reivindicou o presidente, destacando o papel da Deputación da Coruña nos municipios máis pequenos e rurais "con políticas transversais de promoción do emprego e apoio ao emprendemento" que teñen como obxectivo fixar poboación no rural.

A este respecto, Valentín González Formoso subliñou que Galicia "ten que ter unha postura clara de liderado e de respecto e preservación dos mundos agropecuarios e agroforestais do noso país" e impulsar políticas públicas "para situar a Galicia nun papel protagonista dentro do gran acordo verde Europeo".

Pola súa banda, o coordinador sectorial de UU.AA., Félix Porto, destacou que "temos miras no punto de descarbonización en 2030 e en 2050, para ser líderes a nivel de país e combinar os intereses de todo o sector eólico coas obrigas impostas desde a Unión Europea e, ao mesmo tempo, tamén cos dereitos que deben ter aquelas persoas propietarias dos solares eólicos, que teñen que ver como se repercute ese beneficio, esa potencia produtiva eólica que temos na súa economía".

Porto lembrou que en Galicia hai 180 parques eólicos e uns 6.500 aeroxeneradores e que a Xunta ten competencias en todos aqueles de menos de 50 mW.

Só na provincia da Coruña hai solicitados 6.500 mW en 111 parques de 61 concellos coruñeses.