Estás en:Novas

A Deputación mantén unha xuntanza de coordinación coas axentes de igualdade da provincia coa mirada posta na creación da Rede de concellos pola Igualdade

A deputada de Igualdade, María Muíño, reuniu en Mariñán ás 11 novas axentes de igualdade que xa están incorporadas aos concellos para poñer en marcha políticas de igualdade de oportunidades entre homes e mulleres e iniciativas contra a violencia de xénero

A Deputación mantén unha xuntanza de coordinación coas axentes de igualdade da provincia coa mirada posta na creación da Rede de concellos pola Igualdade

A deputada de Igualdade, María Muíño, vén de manter unha xuntanza de traballo coas 11 novas profesionais que xa están incorporadas aos concellos como axentes de igualdade, ao abeiro da convocatoria para a contratación de persoal técnico. Estas axentes de Igualdade veñen sumarse a outras dúas que xa viñan desenvolvendo as súas funcións nos concellos de San Sadurniño e Coirós e que tamén contan con axuda de Igualdade. En total suman 13 técnicas de igualdade nos concellos da Laracha, Dodro, A Pobra, Brión , Tordoia, Fene, Boimorto, Rois, Trazo, Cabanas, Camariñas e os xa mencionados Coirós e San Sadurniño. Ademais, neste momento, están en proceso de contratación as profesionais para os concellos de Betanzos, Rianxo, Melide e Dodro.

A xornada, que se celebrouse no pazo de Mariñán durante a mañá de onte, serviu para poñer en común a situación de partida e coordinarse nas accións que se van desenvolver ao longo dos vindeiros meses. Así, as profesionais traballaron ao arredor de tres cuestións sobre as que debateron e fixeron propostas que se centraron nas políticas de transversalidade de xénero no ámbito local; en como mellorar a coordinación interinstitucional ante a prevención e intervención en materia de violencia de xénero; e sobre os retos de futuro das políticas de igualdade de xénero municipais.

Durante o encontro, María Muíño aproveitou para anunciar que desde a área provincial de Igualdade xa se ten moi avanzado o traballo para a creación da Rede de concellos pola igualdade da provincia, o que permitirá unha mellor coordinación, impacto e eficacia das accións e iniciativas programadas. Tamén lembrou que a creación e posta en marcha desta Rede á unha das propostas que recollidas no plan de igualdade recollidas no territorio.

Pola súa banda, as técnicas destacaron a importancia desta convocatoria destinada á contratación de axentes de igualdade posto que cobren unha eiva moi importante de persoal especializado nos concellos e facilita o traballo en rede para lograr unha mellor coordinación e un impacto maior no territorio. A deputada tamén se comprometeu a seguir mantendo a liña de subvencións creada en 2021 porque "está claro que para ter unha sociedade en igualdade e libre de violencias ten que existir persoal especializado", ao tempo que indicou que "nesta liña creo que sería preciso que a Xunta se implicase no impulso para que existan no curto prazo profesionais estábeis e equipos con profesionais con diferentes perfís: axentes de igualdade e promotores da igualdade".

Páxinas suxeridas