Estás en:Novas

Preto de 20 profesionais da museoloxía daranse cita en Compostela para analizar o futuro dos museos locais

Desde o xoves 4 ata o sábado 6, o Museo das Peregrinacións de Santiago acollerá a xornada 'Diagnose e Necesidades do Museo Local', organizada pola Deputación da Coruña no marco do programa 'A Cultura é un Dereito'

Preto de 20 profesionais da museoloxía daranse cita en Compostela para analizar o futuro dos museos locais

O xoves 4 de novembro, o deputado de Cultura da Deputación, Xurxo Couto, será o encargado de abrir a xornada 'Diagnose e Necesidades do Museo Local' que terá lugar no Auditorio do Museo das Peregrinacións de Santiago de Compostela. Estará acompañado no acto de apertura pola comisaria da xornada e presidenta da Sección de Museoloxía do Colexio Oficial de Doutores e Licenciados en Filosofía e Letras e en Ciencias de Galicia, Araceli Abad Barreiro.

Esta xornada, que forma parte do programa 'A Cultura é un Dereito' da área de Cultura da Deputación da Coruña, reunirá en Compostela a preto de 20 profesionais da museoloxía que desenvolven o seu traballo tanto en museos da provincia, como no resto da Galiza e no Estado. Así, da provincia da Coruña participarán con relatorios e en mesas redondas responsables do propio Museo das Peregrinacións de Compostela, do Museo Marea de Porto do Son, do Museo dos Oleiros de Oleiros, do Museo Valle-Inclán da Pobra do Caramiñal ou da Fundación Eugenio Granell de Compostela. Do ámbito galego, tamén participarán profesionais e responsables do Museo Etnolóxico de Ribadavia e da Rede Museística Provincial de Lugo, e desde o Estado chegarán responsables do Museo de León, da Rede de Museos Locais da Deputación de Barcelona, e do Museo de América e do Museo Nacional de Escultura, ambos en Madrid.

Durante os tres días da xornada abordaranse cuestións como as estratexias dixitais, a comunicación relacionada co patrimonio, os plans de conservación, a especialización, as boas prácticas ou as oportunidades de investigación no eido da historia local. O obxectivo final, en todo caso, é o de coñecer e analizar exemplos contrastados de estratexias para converter o Museo local nun punto de referencia da cultura da súa contorna, partindo do feito de que, por diversas razóns, non sempre este obxectivo se está conseguindo.

Tanto o programa da xornada como o formulario de inscrición para asistir ás sesións están dispoñibles en aculturaeundereito.gal

O programa 'A Cultura é un Dereito' rematará este ano coa xornada 'Cultura Sustentábel' que terá lugar o 1 de decembro no Pazo de Goiáns, en Boiro, e está comisariada por Alberto García.

Páxinas suxeridas