Estás en:Novas

A Deputación activa a campaña “DE FRONTE” e apela ao compromiso individual e colectivo para loitar contra a violencia machista

Palestras sobre violencia vicaria, violencias de xénero en mulleres maiores, e sobre o traballo técnico en rede a nivel local, centrarán actividades en Arteixo, Rianxo e Muxía

Para o público máis mozo ofertarase unha actividade de Visual Thinking, un xogo de Scape Room e un espectáculo musical, a través da web defronte.gal

O 25 de novembro, ás 12h no exterior da Biblioteca Provincial da Coruña, terá lugar unha lectura colectiva de textos poéticos a cargo das poetas Charo Lópes, Nuria Vil e Lucía Aldao

A Deputación activa a campaña “DE FRONTE” e apela ao compromiso individual e colectivo para loitar contra a violencia machista

A área de Igualdade da Deputación da Coruña, que xestiona a deputada María Muíño, volve activar a campaña "DE FRONTE á violencia de xénero" co obxectivo de apelar ao compromiso individual e colectivo para loitar contra a violencia machista. Trátase da campaña que organiza o entre provincial con motivo do 25N, o Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres, e que contempla un programa de actividades que apela directamente á implicación social, de maneira especial aos concellos e tamén ás distintas entidades sociais que traballan no territorio.

"DE FRONTE á violencia machista' non é un lema, é un plan de traballo e de acción política" asegura a deputada de Igualdade, María Muíño, ao tempo que lembra que "desde a Deputación levamos xa moitos anos construíndo rede cos concellos, co tecido asociativo e coa cidadanía para planificar e desenvolver accións que afonden nas causas e solucións a esta grave problemática da nosa sociedade".

En relación á campaña específica que se desenvolverá ao longo do mes de novembro, María Muíño indica que "o obxectivo é concienciarnos da necesidade de non mirar para outro lado, non agochar a mirada, que sexamos conscientes de que non podemos ficar impasibles diante da violencia machista, que todas e todos temos que mirala de fronte e enfrontala, non admitindo discursos que a negan, procurando solucións, achegando recursos persoais e económicos, formando en igualdade, ou eliminando atrancos burocráticos ás mulleres vítimas e as súas fillas e fillos".

Así, desde o vindeiro xoves día 4 e ata o xoves 25 de novembro, a área de Igualdade da Deputación da Coruña, porá a disposición da cidadanía unha serie de actividades e recursos cos que seguir levando aos espazos de traballo, educativos ou mesmo familiares a necesidade de sensibilizar fronte á desigualdade e á violencia de xénero.

Programa de actividades

Palestras
Xoves 4 de novembro de 19h a 20h. Centro Arteixo Innovación.
"Violencia vicaria, o papel das/os menores na violencia de xénero e actualizacións normativas para protección da infancia". Victoria Rey Mariño, psicóloga experta en xénero e Cristina Martínez Fernández, avogada experta en violencia de xénero, tratarán a violencia vicaria como unha manifestación máis da violencia machista. Explicarán cuestións tan necesarias como identificar como se manifesta, como abordala, como se regula a violencia vicaria no sistema legal, como protexer ás vítimas a través do sistema xudicial e os recursos existentes para facelo.

Xoves 11 de novembro de 19h a 20h. Auditorio Municipal de Rianxo.
"Violencias de xénero en mulleres maiores". Elena Molanes Piñeiro, directora do Centro de Emerxencia para Mulleres Vítimas de Violencia de Xénero e Lara Fuentes Enjamio, técnica de FADEMUR-GALICIA serán as encargadas de expoñer como as mulleres maiores experimentan a discriminación de xénero en maior medida que as mulleres novas, e a discriminación por idade máis que os homes maiores; e como esta dobre discriminación está na base da invisibilidade da violencia de xénero.

Xoves 18 de novembro de 18h a 19h. Auditorio Municipal de Muxía
"A importancia do traballo en rede na loita contra a violencia de xénero a nivel local". Gloria Porto, traballadora social do Hospital Público de Cee, Raquel Mato, médica de Atención Primaria do C. S. Pontedeume e Isabel Muñoz, directora do CIM de Muxía abordarán a importancia da coordinación de servizos e profesionais de distintos recursos para mellorar o sistema de atención integral á vítimas de violencia de xénero, ao tempo que amosarán en primeira persoa a práctica do traballo en rede no ámbito local.

Visual Thinking. Actividade xuvenil sobre tratamento e prevención da violencia de xénero, a partir de 3 microvídeos onde se abordan conceptos básicos arredor da violencia de xénero de xeito didáctico a través de gráficos con animación para traballar nas aulas.

Vídeo 1. Que é a violencia de xénero? Definición , principais violencias machistas na mocidade con exemplos para identificalas e as súas consecuencias nas mulleres.

Vídeo 2. Dereitos, obrigas e recursos. Efectos da violencia de xénero cara os dereitos das mulleres, as consecuencias de exercela, así como os recursos necesarios para facerlle fronte desde diferentes posicións.

Vídeo 3. Afrontamento e prevención. Cales son as bases que sustentan as violencias machistas e as claves sobre as actitudes e comportamentos que podemos adoptar para atallalas dende a raíz.

Recursos dispoñibles na web defronte.gal a partir do 15 de novembro

Scape Room. Actividade para seguir traballando co contido do visual thinking de xeito colaborativo. O xogo formúlase para que poidan participar varios grupos ao mesmo tempo e no mesmo espazo. Tanto o material como as normas do xogo responden a criterios de accesibilidade, igualdade, cooperación e sensibilidade cara a violencia de xénero.

Os grupos deben resolver un enigma arredor dunha situación de violencia machista a través de diferentes pistas espalladas polo espazo onde haberá que aplicar a lóxica, a rapidez e o traballo en equipo. Para a resolución do enigma contarase coa información recollida nos visual thinking, de xeito que se reforcen as ideas máis importantes e se tome consciencia de que a solución, dado que é unha problemática social, debe ser abordada por todas e por todos.
Recurso dispoñible na web defronte.gal a partir do 15 de novembro

'Martiña soñadora'. Espectáculo musical para público infantil dispoñible na web defronte.gal entre os días 22 e 29 de novembro. Sabela King á voz e ao ukelele e Carlos Gil ao piano interpretan composicións de produción propia que achegan á rapazada ritmos brasileiros, blues ou rock&roll ao tempo que nos falan de relacións afectivas sas, de igualdade ou da importancia de rachar cos estereotipos sexistas desde a expresión musical.

Lectura textos poéticos. Acto colectivo de lectura de textos poéticos relacionados coa temática, o día 25 de novembro ás 12.00 h no exterior da Biblioteca Provincial da Coruña a cargo das poetas Charo Lópes, Nuria Vil e Lucía Aldao. Os textos serán compartidos previamente cos concellos adheridos á campaña para que, de xeito voluntario, poidan facer unha lectura simultánea nas súas rúas.

Páxinas suxeridas