Estás en:Novas

A Deputación inicia as obras de ampliación e mellora da estrada DP 0510 en Orro (Culleredo), cun investimento de máis de 1 millón de euros

As obras inclúen a construción dunha senda peonil, a execución dunha nova rotonda e a ampliación da vía, co obxectivo de mellorar a seguridade do tráfico rodado e peonil

A Deputación inicia as obras de ampliación e mellora da estrada DP 0510 en Orro (Culleredo), cun investimento de máis de 1 millón de euros

A Deputación da Coruña comezou hoxe as obras de ampliación e mellora da seguridade viaria da estrada DP-0510, na parroquia de Orro (Culleredo). Os traballos supoñen un investimento de 1.067.267.71 euros, financiados pola Deputación a través do Plan de investimento en vías provinciais e permitirán realizar o ensanche, mellorar a estrada e crear unha senda peonil.

Esta actuación permitirá mellorar a seguridade viaria ao longo dos tres quilómetros que abarca o citado tramo, mellorando os accesos aos núcleos de Figueiras e As Caíñas, así como creando espazos máis seguros para as persoas que circulan diariamente por este itinerario.

Actualmente a calzada conta cun ancho medio de 5 metros, que se ampliará ata os 7 metros para albergar dous carrís de circulación de 3 metros, beirarrúas de medio metro cada unha e unha cuneta de 0,75 metros na marxe esquerda. Ademais, para garantir a seguridade viaria, construirase unha senda de 2 metros de ancho na marxe dereita da vía.

Dentro das tarefas para realizar inclúese o tratamento de accesos e interseccións, adecuación da velocidade ás características da vía e a ordenación dos accesos. Ademais, tamén se construirá unha glorieta no punto quilométrico 2+000 para favorecer os cambios de sentido e eliminar os puntos máis perigosos para o tráfico rodado e peonil.

A Deputación asume os gastos de execución das obras, mentres que o Concello de Culleredo asumirá os custos das obras de instalación da nova rede de saneamento na estrada, que consistirán na instalación de colectores baixo a cuneta, xunto coa instalación de rexistros, un investimento doutros 150.000 euros. Cando os traballos estean finalizados será posible derivar o servizo a ramais interiores.

O presidente provincial, Valentín González Formoso, destacou que coa posta en marcha desta obra, a Deputación atende unha antiga demanda do Concello de Culleredo e segue apostando pola mellora da seguridade viaria e peonil ao longo dos máis de 2.100 km da rede provincial de estradas.

O alcalde de Culleredo, José Ramón Rioboo, expresou a súa satisfacción polo inicio dos traballos, "un proxecto moi necesario para mellorar a seguridade, tanto das persoas que día a día transitan pola vía, como dos vehículos que fan uso dela" e lembrou que esta actuación "abre a porta para acometer proxectos de mellora no interior do núcleo, para o que era necesario desenvolver primeiro a ampliación da estrada principal e dotala de saneamento".

O prazo de execución dos traballos é de 12 meses, polo que o seu remate definitivo está previsto para finais de 2022.

Páxinas suxeridas