Estás en:Novas

Valentín González Formoso reclama un novo modelo de financiamento para as numerosas competencias que a Xunta de Galicia deriva a deputacións e concellos

González Formoso defende unha maior cogobernaza e coordinación entre administracións para abordar unidos o reto da recuperación e reclama a "participación activa" dos entes locais na definición, destino e execución dos fondos europeos de recuperación Next Generation.

No ano en que se cumpre o 40 aniversario do Estatuto de Autonomía de Galicia, González Formoso reclamou "a actualización" deste para reforzar, no seu artigo 49, "a autonomía local cun compromiso directo e vinculante de achega de recursos aos gobernos locais" que xa recollen os estatutos de autonomía doutras comunidades.


Presentou ante a Comisión de Economía do Parlamento de Galicia o proxecto de orzamento da Deputación para 2022, que ascenderá a 189.235.000 euros, un 2,57% máis que no presente ano.

O Plan único 2022, cunha consignación inicial de 47,4 millóns de euros que incluirá 7 millóns para gasto social nos concellos, o Plan de emprego local (12,6 millóns) e os plans de  mellora da rede provincial de estradas (14,6 millóns) destacan entre os programas de investimentos.

Reactivación económica, creación de emprego, reforzo dos programas sociais e loita contra o despoboamento do rural serán os eixes da acción da Deputación en 2022.

Valentín González Formoso reclama un novo modelo de financiamento para as numerosas competencias que a Xunta de Galicia deriva a deputacións e concellos

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, compareceu esta mañá ante a Comisión de Economía, Facenda e Orzamentos do Parlamento de Galicia para presentar as liñas principais do orzamento da institución provincial para o exercicio 2022, nos que a aposta pola reactivación económica da provincia, a creación de emprego, a loita contra o despoboamento do rural e o reforzo dos programas de protección social seguirán sendo eixes fundamentais da acción do Goberno provincial que preside.

González Formoso anunciou que o proxecto de orzamento da Deputación da Coruña para o vindeiro ano, que será sometido á aprobación do pleno o vindeiro 26 de novembro, ascenderá a 189.235.00 euros, o que supón un incremento do 2,57 % sobre o do presente exercicio e destacou que, un ano máis, todos os investimentos e plans da Deputación financiaranse con recursos propios, sen apelación ao crédito, mantendo a actual situación de "débeda cero" da institución provincial.

Melloras no financiamento e autonomía dos entes locais e impulso á prestación compartida de servizos públicos

No ano en que se cumpre o 40 aniversario do Estatuto de Autonomía de Galicia, González Formoso reclamou "a actualización" deste para reforzar, no seu artigo 49, "a autonomía local cun compromiso directo e vinculante de achega de recursos aos gobernos locais" que xa recollen os estatutos de autonomía doutras comunidades autónomas coma a valenciana, Andalucía, Cataluña, Aragón ou Estremadura.

Formoso defendeu a necesidade de dotar as administración locais de recursos económicos suficientes para "atender adecuadamente as numerosas competencias que a normativa autonómica lles atribúe" e avogou por "racionalizar, sistematizar e describir axeitadamente as competencias que a Xunta de Galicia deriva a concellos e deputacións "de forma dispersa e sen financiamento".

Valentín González Formoso volveu incidir na necesidade de que o Fondo Galego de Cooperación Local recolla unha asignación específica dirixida ás deputacións para dar cumprimento ao establecido no artigo 142 da Constitución española e para garantir a adecuada prestación de servizos públicos "atribuídos ás deputacións e concellos sen financiamento autonómico suficiente", como a extinción de incendios, os servizos sociais, protección animal, recollida e tratamento de lixo, subministración de depuración de augas, servizo de protección civil, etc.

"Os obxectivos indicados deberían abordarse adecuadamente a través dun novo Pacto Local de Galicia que actualice a relación de competencias, que concrete as condicións óptimas de prestación e financiamento dos servizos públicos desde un acordo amplo de todas as formacións políticas", afirmou o presidente provincial.

Cogobernanza e "participación activa" dos entes locais nos fondos Next Generation

O presidente da Deputación da Coruña afirmou que "a experiencia acumulada" durante a pandemia e as "adversas consecuencias socioeconómicas" que carrexou "evidenciou a necesidade dunha maior e mellor coordinación entre administracións, que fai necesario que camiñemos cara un novo modelo de cogobernanza para abordar a recuperación; unha nova forma de facer política máis horizontal que vertical, mais participativa que xerárquica" que require "da implicación dunha pluralidade de actores públicos e privados".

Neste sentido, subliñou que esta nova forma de cogoberno "debe ter o seu reflexo inmediato na redefinición do papel das entidades locais nos fondos de recuperación que chegarán de Europa".
O presidente da Deputación reclamou a "participación activa" dos entes locais na definición, destino e execución dos fondos europeos de recuperación Next Generation para contribuír a alcanzar os obxectivos plasmados no Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia do Goberno de España.

Valentín González Formoso anunciou que os Orzamentos 2022 contemplan a creación dunha oficina de apoio e asistencia técnica para a planificación e xestión de iniciativas e programas que vai desenvolver a propia Deputación e os concellos coruñeses no marco deste plan.

74,8 millóns de investimento en plans provinciais

Valentín González Formoso detallou que a Deputación da Coruña destinará en 2022 74.837.250 euros aos distintos plans provinciais, entre os que destaca, un ano máis, o Plan único (POS+2022) que contará cunha dotación orzamentaria inicial de 47,4 millóns de euros para financiar obras e servizos públicos nos 93 concellos coruñeses, unha cantidade que, como todos os anos, irá incrementándose progresivamente coa incorporación de remanentes ao longo do exercicio.

"O Plan único da Deputación da Coruña transferiu este ano 90 millóns de euros aos municipios coruñeses, o que o referenda coma o maior plan de obras e servizos das catro deputacións galegas e un dos principais de todo o Estado español", afirmou. Lembrou ademais que o Plan único favorece a autonomía local deixando que sexan os propios municipios os que decidan cales son as súas prioridades á hora de investir os fondos que lles achega a Deputación.

Neste punto, Formoso instou á Xunta de Galicia a aplicar tamén "criterios obxectivos, transparentes e consensuados" para a asignación de fondos ás entidades locais, tal como vén facendo a Deputación da Coruña desde a creación do Plan único.

Asemade, destacou que Plan único adquiriu durante a pandemia "unha nova dimensión social para dar resposta ás necesidades dos concellos e da cidadanía, reforzando os programas de protección social dos concellos para non deixar a ninguén atrás na saída da crise".

Neste sentido, destacou a vocación de permanencia desa dimensión social do plan ao anunciar que o POS+2022 continuará ese camiño cunha partida específica de 7 millóns de euros para gastos sociais coa que os municipios da provincia poderán continuar financiando cuestións prioritarias no eido social coma a ampliación dos Servizos de Axuda no Fogar, programas de respiro familiar e conciliación familiar e laboral, ou axudas directas ás familias máis vulnerables que están sufrindo especialmente os efectos da crise

Outros plans provinciais importantes durante o vindeiro ano serán os 14,6 millóns de euros destinados a investimentos, conservación e construción de sendas peonís e travesías urbanas nos máis de 2.100 quilómetros da rede provincial de estradas ou o incremento orzamentario que, un ano máis, a Deputación destinará ao Plan de emprego local (PEL), que este ano alcanza os 12,6 millóns de orzamento inicial (+26%), o que demostra que a aposta pola creación de emprego e o apoio ao emprendemento seguirá a ser un dos obxectivos principais do Goberno provincial.

O presidente detallou polo miúdo algúns dos resultados do PEL, que incluíron o apoio directo á contratación de 4.422 persoas na provincia da Coruña, 12.520 axudas ao emprendemento e subvencións a autónomos e microempresas concedidas e máis 230 persoas formadas para mellorar a súa empregabilidade. En algo máis dun ano e medio, a Deputación da Coruña destinou 25 millóns de euros en axudas directas aos sectores máis afectados pola pandemia.

Segundo explicou o presidente, no orzamento de 2022 "reforzarase a promoción económica dos sectores primarios coma a agricultura, a gandería ou a pesca" e incrementaranse tamén os recursos destinados a "áreas prioritarias e preferentes" coma Benestar Social, Igualdade ou a Rede Cultural.

A aposta por un novo modelo de mobilidade sustentable será outra das claves da acción do Goberno provincial no vindeiro ano co avance de importantes proxectos xa en marcha e que contan con financiamento europeo coma a Vía Verde Santiago-Cerceda ou a ampliación da Rede Ciclista Metropolitana da Coruña.