Estás en:Novas

A Deputación executará a terceira e última fase do proxecto de mellora da travesía de Sísamo, en Carballo

Valentín González Formoso explicitou hoxe o compromiso durante unha visita a Carballo, na que foi recibido polo alcalde Evencio Ferrero e os portavoces dos grupos políticos da corporación municipal.

O ente provincial leva investido preto de un millón de euros nas melloras da travesía de Sísamo e agora completará o tramo final cun novo investimento de 1,7 millóns

González Formoso destacou que será un dos investimentos máis importantes que leva feito a Deputación en vías nos últimos anos

O rexedor agradeceu a "colaboración da Deputación para mellorar as infraestruturas do municipio e dar remate a esta travesía", que será transferida ao Concello de Carballo unha vez rematadas as obras

A Deputación executará a terceira e última fase do proxecto de mellora da travesía de Sísamo, en Carballo

Valentín González Formoso explicitou hoxe en Carballo o compromiso firme da Deputación da Coruña de executar a terceira e última fase do proxecto de mellora da estrada DP-1901 que vai de Carballo a Sísamo.

O presidente provincial, que foi recibido na Casa do Concello polo alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, e os portavoces dos grupos políticos que forman a Corporación municipal, lembrou que "esta é unha demanda histórica da vila e agora toca finalizala". O compromiso formalizarase oficialmente en papel mañá coa sinatura, na sede da institución provincial, dun protocolo de colaboración entre a Deputación, que compromete un investimento de 1,7 millóns para completar a última fase das obras de mellora da estrada DP-1901 desde o PK 0+810 ata o remate do vial no PK 2+570, no lugar do Outeiro. Pola súa banda, o Concello de Carballo comprométese a facerse cargo da titularidade da estrada unha vez rematada esta derradeira fase das obras.

A Deputación da Coruña xa acometeu as dúas fases previas deste importante proxecto de mellora nas que se leva investido máis de 1 millón de euros e que supuxeron unha notable mellora no tramo máis urbano desta travesía. Agora completará a totalidade da vía nesta terceira fase, que seguirá a mesma liña das anteriores: ancheamento e pavimentación da plataforma, construción de beirarrúas e dotación de novos servizos urbanos, entre eles o alumeado público.

Visita á sede da Asociación de Veciños de Sísamo

González Formoso, que visitou tamén xunto ao alcalde a sede da Asociación de Veciños "Santiago Apóstol" de Sísamo, explicou que o acordo é o paso previo para activar as obras dos 1,7 quilómetros que faltan para finalizar a mellora desta vía, dos que algo máis de 400 metros son de tramo urbano e requirirán unha dotación de servizos moi importante para dar continuidade ás melloras acometidas nos tramos anteriores", explicou.

O presidente subliñou que o investimento total das tres fases (preto de 2,7 millóns de euros) farán desta obra un dos investimentos máis importantes acometidos pola Deputación na rede provincial de estradas nos últimos anos.

Valentín González Formoso destacou "o compromiso da Deputación" con Carballo que "está acreditado con cifras", con investimentos e achegas no municipio por importe de 28 millóns de euros a desde o ano 2016.

Pola súa parte, o alcalde Evencio Ferrero quixo agradecer a visita do presidente para anunciar este acordo e visitar o tramo que queda por acometer na vía, así como pola continua "colaboración da Deputación para mellorar as infraestruturas do municipio".