Estás en:Novas

Conectar os Museos coa comunidade na que se asentan, principal reto da xornada ‘Diagnose e Necesidades do Museo local’

O Museo das Peregrinacións de Santiago acolle o encontro, organizado pola Deputación da Coruña no marco do programa 'A Cultura é un Dereito' e que reúne a preto de 20 profesionais da museoloxía

Conectar os Museos coa comunidade na que se asentan, principal reto da xornada ‘Diagnose e Necesidades do Museo local’

O deputado de Cultura da Deputación da Coruña, Xurxo Couto, foi o encargado de abrir a xornada 'Diagnose e Necesidades do Museo Local' que se está levando a cabo no Museo das Pregrinacións de Santiago de Compostela. Durante a súa intervención, o deputado avogou por "procurar estratexias que vinculen de xeito real e eficaz a institución museística coa comunidade na que se asenta"

Xurxo Couto fixo referencia aos desafíos aos que se enfrontan os museos locais "no marco dunha sociedade en constante transformación, cada vez máis virtual e máis dependente de novas canles de información e difusión en liña, que desenvolve novos comportamentos e que demanda novos produtos", e neste sentido animou a todos e a todas a participantes na xornada a profundar en exemplos de boas prácticas e estratexias que convertan os museos en puntos de referencia cultural nas súas contornas.

O deputado de Cultura estivo acompañado no acto de apertura pola comisaria da xornada e presidenta da Sección de Museoloxía do Colexio Oficial de Doutores e Licenciados en Filosofía e Letras e en Ciencias de Galicia, Araceli Abad Barreiro, e polo primeiro relator do programa, o director do Museo de León, Luís Grau Lobo.

A xornada 'Diagnose e Necesidades do Museo Local', que forma parte do programa 'A Cultura é un Dereito' da área de Cultura da Deputación da Coruña, reúne en Compostela, desde hoxe e ata o sábado, a preto de 20 profesionais da museoloxía que desenvolven o seu traballo tanto en museos da provincia, como no resto da Galiza e no Estado.

Durante este tres días abordaranse cuestións como as estratexias dixitais, a comunicación relacionada co patrimonio, os plans de conservación, a especialización, as boas prácticas ou as oportunidades de investigación no eido da historia local.

O programa 'A Cultura é un Dereito' rematará este ano coa xornada 'Cultura Sustentábel' que terá lugar o 1 de decembro no Pazo de Goiáns, en Boiro, e está comisariada por Alberto García.

Páxinas suxeridas