Estás en:Novas

Un total de 88 concellos e 59 entidades súmanse á campaña "De Fronte" da área de Igualdade da Deputación da Coruña

O programa da campaña comeza esta tarde en Arteixo coa palestra sobre violencia vicaria a cargo de Victoria Rey Mariño, psicóloga experta en xénero, e Cristina Martínez Fernández, avogada experta en violencia de xénero

Rematará o 25 de novembro, ás 12h no exterior da Biblioteca Provincial da Coruña, terá lugar unha lectura colectiva de textos poéticos a cargo das poetas Charo Lópes, Nuria Vil e Lucía Aldao

Un total de 88 concellos e 59 entidades súmanse á campaña

A campaña da área de Igualdade da Deputación da Coruña "De Fronte" contra a violencia machista conseguiu a adhesión de 88 concellos e 59 entidades da provincia que difunden a mensaxe de plantarlle cara ao feminicidio cun programa de iniciativas moi diversas e orientado a diferentes segmentos de idade.

O obxectivo da campaña, cuxo programa comeza esta mesma tarde e que combinará actividades presenciais con recursos dispoñibles online, é contribuír a poñerlle freo á violencia machista e crear un amplo movemento social para crear conciencia de igualdade fronte ao feminicidio. A campaña, que se volve activar arredor da conmemoración do 25N, abrangue a case a totalidade do territorio coa adhesión de 88 concellos ademais de 59 entidades de carácter social, educativo, sectorial, cultural e deportivo.

O programa de actividades comeza hoxe (ás 19h) no Centro Arteixo Innovación cunha palestra titulada "Violencia vicaria, o papel das/os menores na violencia de xénero e actualizacións normativas para protección da infancia", que correrá a cargo de Victoria Rey Mariño, psicóloga experta en xénero e Cristina Martínez Fernández, avogada experta en violencia de xénero. Ambas abordarán a violencia vicaria como unha manifestación máis da violencia machista e explicarán cuestións tan necesarias como identificar como se manifesta, como abordala, como se regula a violencia vicaria no sistema legal, como protexer ás vítimas a través do sistema xudicial e os recursos existentes para facelo.

Continuará o xoves 11 en Rianxo coa palestra "Violencias de xénero en mulleres maiores" a cargo de Elena Molanes Piñeiro, directora do Centro de Emerxencia para Mulleres Vítimas de Violencia de Xénero e Lara Fuentes Enjamio, técnica de FADEMUR-GALICIA; e o xoves 18 en Muxía coa palestra " A importancia do traballo en rede na loita contra a violencia de xénero a nivel local" a cargo de Gloria Porto, traballadora social do Hospital Público de Cee, Raquel Mato, médica de Atención Primaria do C. S. Pontedeume e Isabel Muñoz, directora do CIM de Muxía.

A partires do 15 de novembro, na web defronte.gal estarán dispoñibles os recursos para as actividades xuvenís de Visual Thinking e Scape Room, para traballar sobre tratamento e prevención da violencia de xénero de xeito colaborativo e en equipos. Tamén na web da campaña, entre os días 22 e 29 de novembro estará dispoñible o espectáculo musical para público infantil "Martiña soñadora".

O programa completarase co acto colectivo de lectura de textos poéticos o propio día 25 de novembro ás 12.00 h no exterior da Biblioteca Provincial da Coruña a cargo das poetas Charo Lópes, Nuria Vil e Lucía Aldao. Os textos serán compartidos previamente cos concellos adheridos á campaña para que, de xeito voluntario, poidan facer unha lectura simultánea nas súas rúas.

Páxinas suxeridas