Estás en:Novas

Xosé Regueira avoga en Xantar pola colaboración entre administracións para construír destinos turísticos competitivos

O vicepresente da Deputación participou no Día da provincia da Coruña nunha mesa de intervencións encabezada pola directora da Axencia de Turismo de Galicia, Nava Castro

Os cociñeiros Javi Freijeiro e Moncho Bargo do restaurante Pracer e membros da Asociación Coruña Cociña foron os encargados de ofrecer un showcooking protagonizado por berberechos de Noia e mexillóns de Lorbé

Xosé Regueira avoga en Xantar pola colaboración entre administracións para construír destinos turísticos competitivos

O vicepresidente e deputado de Turismo, Xosé Regueira, avogou en Xantar pola colaboración entre as distintas administracións para "construír destinos turísticos competitivos e sustentables, e un futuro próspero para o sector tanto na provincia como en todo o país". Xosé Regueira participou nunha mesa de intervencións con motivo do Día da provincia da Coruña, na que tamén estiveron a directora da Axencia de Turismo de Galicia, Nava Castro, o presidente de Turismo do Porto e Norte de Portugal, Luís Pedro Martíns, o presidente da Cámara de Vila Real, Rui Jorge Cordeiro, o presidente da Federación de Cofradías Gastronómicas, Juan Manuel Garmendia, e o director de Xantar, Rogelio Martínez.

O vicepresidente da Deputación, durante a súa intervención, indicou que "nós sempre viñemos a Xantar a convidar ao público a que proben a nosa gastronomía para que despois se acheguen a coñecernos, a lembrarlle que temos 52 semanas ao ano que significa 52 oportunidades para visitar a nosa provincia". Neste sentido, tamén lembrou que "na nosa provincia temos 656 quilómetros de costa e somos epicentro de todos os Camiños de Santiago, que mesmo continúa ate esa Fisterra mítica".

No eido da promoción turística, Xosé Regueira tamén mencionou que "se algo sacamos desta pandemia a nivel turístico foi que nos deu a oportunidade de coñecernos e recoñecernos e de comprobar que a nosa provincia e toda Galiza é un destino dunha calidade extraordinaria". "E así debemos seguir, reencontrándonos coa nosa gastronomía, coa nosa cultura, coa nosa paisaxe e co noso patrimonio" afirmou.

Showcooking da Asociación Coruña Cociña
Os cociñeiros Javi Freijeiro e Moncho Bargo do restaurante Pracer da Coruña e membros da Asociación Coruña Cociña foron os encargados do showcooking no posto da Deputación. Elaboraron unha degustación cunha receita berberechos de Noia con cítricos e salicornia, seguida de mexillóns ao vapor e minchas con crema de allada e algas, acompañado dun cóctel cunha base de viño semidoce lexítimo da IXP de Betanzos e unha sobremesa líquida que denominaron Martini cascarilleiro.

Este showcooking, que se enmarcou na presentación do receitario "A mesa do noroeste. Un percorrido pola gastronomía a través da súa gastronomía" editado pola Deputación e realizado en colaboración coa Asociación Coruña Cociña, levantou unha gran expectación e congregou numeroso público, prensa especializada e bloggers no posto provincial.

O receitario, que se pode descargar a través dun código QR e que estará dispoñible en papel a partires da vindeira semana, relaciona 14 produtos da horta e do mar característicos de diferentes puntos da provincia (como o tomate negro de Santiago, o requeixo da Capela ou os percebes do Roncudo) con receitas elaboradas por outros tantos cociñeiros e cociñeiras.

Páxinas suxeridas