Estás en:Novas

A Deputación estreita lazos coa cidade de Reading para promocionar e sinalizar o Camiño Inglés

Os deputados Antonio Leira e José Manuel Pequeño, desprazados ao Reino Unido, foron recibidos polas autoridades locais, universidades, empresarios e asociacións da contorna

Ademais desprazaronse a Reading para instalar sinalizacións oficiais do Camiño Inglés nesta localidade

A Deputación estreita lazos coa cidade de Reading para promocionar e sinalizar o Camiño Inglés

A Deputación da Coruña continúa estreitando lazos coa cidade británica de Reading, coa que se está a traballar na promoción e sinalización do Camiño Inglés para potenciar o mercado emisor británico, principal consumidor deste itinerario, un produto turístico no que a Deputación da Coruña leva traballando durante os últimos anos.

Os deputados Antonio Leira e José Manuel Pequeño, xunto ao presidente da Asociación de Concellos do Camiño Inglés, Manuel Mirás, foron recibidos polo alcalde de Reading, David Stevens, e as autoridades locais, universidades, empresarios e asociacións da contorna. Ademais, puxeron o primeiro sinal desta ruta xacobea en Reading, continuando a sinalización do camiño en terras británicas iniciada en Durham en 2016, para marcar unha ruta histórica que desde a Idade Media foi un dos puntos de confluencia de peregrinos que se dirixían cara A Coruña e Ferrol.

Durante as reunións co tecido empresarial para coñecer o seu polígono industrial, Antonio Leira expuxo as posibilidades de investir na Coruña e as vantaxes que isto comporta, e tamén se entrevistou cos responsables da universidade de Reading, que lle transmitiron o seu interese por establecer unha conexión cos seus homólogos da Coruña e Santiago, aos que Leira trasladará a solicitude.

Nos días previos ámbolos dous deputados estiveron presentes na feira turística internacional 'World Travel Market' que se celebrou en Londres do 1 ao 3 de novembro e na que a institución provincial promocionou o Camiño Inglés e o Camiño Fisterra Muxía.

Páxinas suxeridas