Estás en:Novas

A historia do Pazo Provincial, protagonista do “Documento do mes” do Arquivo da Deputación da Coruña

O Arquivo Provincial recupera os textos nos que se repasan os diferentes usos e as transformacións que tivo a totalidade do edificio desde a súa construción no ano 1948

A través desta achega a Deputación continúa visibilizando o traballo de dixitalización do Arquivo, de importante valor como parte do patrimonio cultural galego

A historia do Pazo Provincial, protagonista do “Documento do mes” do Arquivo da Deputación da Coruña

Nunha nova entrega do 'Documento do mes', o Arquivo da Deputación da Coruña repasa a historia do edificio que actualmente alberga a sede da institución provincial pero que, desde a súa construción no ano 1948, tivo diferentes usos e viviu diversas transformacións.

Ao longo deste ano, o ente provincial está a difundir textos do seu Arquivo na súa páxina web co obxectivo de desvelar anécdotas e curiosidades históricas da provincia. Nesta ocasión dá continuidade ao documento do mes de outubro, que versaba sobre o solar no que se sitúa o actual Pazo Provincial.

A historia que nos ocupa este mes comeza no ano 1944, cando o promotor do inmoble, Emilio Rey Romero consegue a concesión pública do solar situado xusto en fronte da antiga Aduana e, xunto con outros socios como Pedro Barrié de la Maza e unha rede de empresas, encárgalle ao arquitecto Jacobo Rodríguez Losada un proxecto para construír alí un dobre edificio, un gran hotel e un polivalente teatro-cinema, un ambicioso proxecto que no seu día contou cun orzamento de 8 millóns de pesetas.

No documento recuperado polo Arquivo Provincial explícase que o este edificio, de estilo arquitectónico ecléctico clasicista, introduce na cidade o uso do formigón armado como sistema estrutural e describe a súa composición, desde as bases ata os frontóns e pináculos superiores, pasando polas longas fachadas laterais.

En novembro do ano 1948 inaugúrase o Hotel Embaixador e en decembro o Teatro Colón. A Deputación entrará pouco despois en xogo en busca dunha localización emblemática. Será no ano 1971, cando baixo a presidencia de Porto Anido, inicia unha dilatada serie de adquisicións ata que consegue facerse con todo o bloque.

Tres décadas de tesón administrativo, e de traballo de diferentes presidentes, que culminaron no ano 1977. Desde aquela o novo Pazo Provincial pasa a conformar a imaxe da cidade. Con respecto ao edificio inicial sufriu algunhas transformacións, baseadas no anteproxecto titulado 'PortusMagnusArtabrorum' de Jesús Arsenio e Gustavo Díaz García como gañadores do concurso convocado pola Deputación no ano 1984. A nova sede inaugúrase o 8 de xuño de 1987 e os maiores cambios de imaxe concentraranse na renovación da entrada e o patio interior cuberto no que hoxe se sitúa a "rosa dos ventos" que adorna o hall do inmoble.

A través desta nova entrega, o ente provincial continúa visibilizando o traballo de dixitalización do Arquivo Provincial, de importante valor como parte do patrimonio cultural galego, fonte de información e memoria das sociedades pasadas. As publicacións están comentadas pola historiadora e directora do Arquivo Provincial, Carmen Molina.

Ligazón ao 'Documento do mes' de novembro do Arquivo da Deputación da Coruña:

https://www.dacoruna.gal/index.php/download_file/42340/