Estás en:Novas

A gastronomía de Mazaricos triunfa en Xantar da man da Deputación

O cociñeiro José Manuel Carreira, do Asador Manduca, que preparou chuletóns de vaca á brasa, e Laura Prado e Esther Muíño, da Asociación de Amas de Casa de Mazaricos, que ofreceron bolo do pote, congregaron a numeroso público no stand provincial

A gastronomía de Mazaricos triunfa en Xantar da man da Deputación

A gastronomía e os produtos tradicionais de Mazaricos conquistaron esta mañá ao público da Feira Xantar de Ourense, no marco do programa de showcookings co que a área de Turismo da Deputación da Coruña está participando nesta cita gastronómica.

O showcooking, que correu a cargo do cociñeiro José Manuel Carreira, do Asador Manduca (A Picota), contou coa presenza do vicepresidente e deputado de Turismo, Xosé Regueira, e dunha delegación do Concello de Mazaricos formada polo alcalde, Juan Blanco, o concelleiro de Turismo, Jorge Sanmartín, e o concelleiro de Xestión Interna, Jorge Villar.

José Manuel Carreira transformou o stand provincial nun asador ad hoc, que durante o tempo que durou o showcooking se converteu no punto de encontro máis demandado do recinto no que se celebra a feira, e no que o cociñeiro preparou e ofreceu chuletóns de vaca á brasa. A degustación tamén incluíu bolo do pote elaborado por Laura Prado e Esther Muíño, da Asociación de Amas de Casa de Mazaricos.

O alcalde de Mazaricos, Juan Blanco, que foi o encargado de conducir o showcooking, agradeceu a presenza do notable grupo de asistentes e amosouse satisfeito por volver levar por fóra de Mazaricos "os sabores da terra". Pola súa banda, o concelleiro de Turismo e Promoción Económica, Jorge Sanmartín, valora a presenza, un ano máis, do Concello nesta cita gastronómica, como unha oportunidade de "seguir colocando Mazaricos no mapa gastronómico peninsular".

O programa de showcookings no stand da Deputación remata mañá da man do cociñeiro vimiancés, Fabián Mouzo, que ofrecerá un pincho irmandiño con algas, ourizos e follado, bautizado como "Brisa". Tamén se ofrecerá unha degustación de callos, prato típico da festividade da Fagía de Carnés, bica e pedras do Castelo.

Páxinas suxeridas