Estás en:Novas

A ría de Sada acollerá esta fin de semana o Gran Premio Deputación da Coruña de Remo de Mar, no que participarán máis de 100 deportistas de toda España

A sede da Deputación acolleu esta mañá a presentación da proba, que terá lugar o domingo 14 de novembro en Sada e na que participarán unha quincena de clubs procedentes de toda España

A deputada de Deportes, Cristina Capelán, destacou que o"encontro situará á nosa provincia na vangarda do deporte ao tratarse dunha modalidade de remo cunha enorme proxección de futuro entre os equipos galegos e que se converterá en disciplina olímpica en París 2024"

A proba será o colofón da Liga Nacional de Remo de Mar da Federación Española de Remo

A ría de Sada acollerá esta fin de semana o Gran Premio Deputación da Coruña de Remo de Mar, no que participarán máis de 100 deportistas de toda España

A ría de Sada acollerá o vindeiro sábado e domingo o Gran Premio Deputación da Coruña de Remo de Mar, no que participarán máis de cen remeiros e remeiras de quince clubs de toda España.A proba enmárcase na Semana Abanca e será o punto final da Liga Nacional de Remo de Mar da Federación Española de Remo.

A deputada de Deportes, Cristina Capelán, o presidente da Federación Galega de Remo, José Manuel Seijas, o presidente do Club Náutico de Sada, Enrique Tostado e o director da oficina de ABANCA en Sada, Javier Álvarez, presentaron esta mañá na sede provincial a competición que se celebrará en Sada.

Capelán destacou na súa intervención que "Sada será a capital do remo español esta fin de semana cun encontro que situará a nosa provincia na vangarda do deporte ao tratarse dunha modalidade de remo cunha enorme proxección de futuro entre os clubs galegos e que se converterá en disciplina olímpica en París 2024".

A deputada provincial puxo en valor o compromiso do ente provincial con este deporte con encontros como "a Bandeira de Traíñas Deputación da Coruña, que é unha competición cunha gran tradición, xa que leva trinta anos celebrándose cada verán nas rías da provincia".

Cristina Capelán tamén agradeceu no acto de presentación ao equipo organizador do encontro o traballo realizado e destacou o labor do Club Náutico de Sada "no impulso e posta en valor dos deportes náuticos".

O presidente do Club Náutico de Sada, Enrique Tostado, destacou que na entidade sadense, tradicionalmente centrada na vela, "aceptamos o reto de organizar unha proba dunha modalidade deportiva que está experimentando un gran crecemento" e mostrou a súa disposición a "seguir impulsando a afección do remo de mar".

Tamén José Manuel Seijas, presidente da Federación Galega de Remo, destacou a "gran proxección" coa que conta esta modalidade de remo. "O remo é o segundo deporte olímpico máis antigo despois do atletismo, e seguirá avanzando coa inclusión do remo de mar como disciplina olímpica en París", apuntou.

Seijas subliñou tamén "o impacto deportivo e económico" que pode ter para Galicia a promoción do remo de mar, que ademais ten o aliciente de que se disputa en temporada baixa, polo que instou a "non perder o tren" dunha disciplina deportiva que xa triunfa en moitos puntos de España e Europa.

O director de ABANCA en Sada, Javier Álvarez, destacou "o alto nivel dos participantes, especialmente os galegos" e o compromiso da entidade coa promoción do deporte de base e, en concreto, dos deportes marítimos que "son tradicionais e proxectan a imaxe de Galicia".

Máis de cen deportistas e clubs de remo de toda España danse cita en Sada esta fin de semana

A proba, na que participarán máis de cen deportistas procedentes de quince clubs de toda a península, contará coas modalidades de cadete, xuvenil, séenior e máster, en categoría feminina e masculina, con distancias de 6.000 ou 3.000 metros.

A ría de Sada acollerá desde o venres os adestramentos oficiais, nos que participarán equipos andaluces, valencianos, vascos, cataláns,galegos e portugueses que chegan ao final da Liga Nacional, que ten rango de campionato Ibérico.

A "armada" galega estará composta por clubs de Noia, Ferrol, Mugardos, Muros, Tui, Cabo de Cruz (Boiro), Ares, Bergondo e Vigo, que desprazará a Sada aos seus 20 mellores especialistas de ambos sexos co obxectivo de lograr o título da Liga, da que é líder destacado a falta deste evento de peche.

Outros clubs españois que participarán no evento son o Real Club Náutico de Torrevieja, o Club de Regatas de Alicante, o Linense de Cádiz, o Ur Kirolak de San Sebatián ou o Arkote Arraun Taldea de Vizcaia.

A competición disputarase o sábado e o domingo, cando a presidenta do remo español, Asunción Loriente, entregará o título de campión de Liga ao equipo gañador no paseo marítimo de Sada.

A Deputación promociona o Gran Premio cunha axuda de 22.792 euros con cargo á liña de subvencións dirixida ao impulso de grandes eventos deportivos na provincia.. A competición conta coa organización do Club Náutico de Sada e o apoio do Comité Organizador da Semana Abanca e da Federación Galega de Remo.

Páxinas suxeridas