Estás en:Novas

Os Premios Torrente Ballester de narrativa concederanse en Mariñán o 9 de decembro

Ignacio Martínez de Pisón, Domingo Villar, Lucía Taboada, Dores Tembrás e Clara Escajedo conforman o xurado do Premio na modalidade en lingua castelá

Xesús Fraga, María Marco, Nazareth López, Montse Dopico e Ricardo Losada son os membros do xurado do Premio na modalidade en lingua galega

Nesta edición recibíronse un total de 491 novelas, das cales 403 corresponden á categoría en lingua castelá e 88 á categoría en lingua galega

Os Premios Torrente Ballester de narrativa concederanse en Mariñán o 9 de decembro

O xoves 9 de decembro o Pazo de Mariñán acollerá as dúas xuntanzas dos xurados dos Premios Torrente Ballester de narrativa da Deputación da Coruña. A concesión de ambos os dous premios darase a coñecer en rolda de prensa na mañá do día seguinte, o venres 10 de decembro.

O Pazo de Mariñán converterase deste xeito no punto de encontro dos dez membros de ambos xurados, que están conformados por recoñecidos nomes do xornalismo cultural e literario, e por escritores e escritoras do panorama galego e estatal, entre os que se contan dous Premios Nacionais de Narrativa.

Así, o xurado da modalidade en lingua castelá está composto polo guionista e escritor Premio Nacional de Narrativa (2014) Ignacio Martínez de Pisón, polo escritor Domingo Villar, pola xornalista Lucía Taboada, pola poeta e editora Dores Tembrás e pola escritora gañadora deste premio na edición 2020 Clara Escajedo. Mentres, o xurado na modalidade en lingua galega está conformado polo xornalista e escritor Premio Nacional de Narrativa (2021) Xesús Fraga, pola escritora María Marco, pola xornalista e escritora Nazareth López, pola xornalista Montse Dopico, e polo escritor e gañador deste premio na edición 2020, Ricardo Losada.

Nas xuntanzas tamén estarán presentes o deputado de Cultura, Xurxo Couto, persoal técnico do Servizo de Cultura da Deputación, a comisaria do premio en lingua castelá, Susana Pedreira, e o comisario do premio en lingua galega, Ramón Rozas. Nesta edición recibíronse un total de 491 novelas, das cales 403 corresponden á categoría en lingua castelá e 88 á categoría en lingua galega.

Ignacio Martínez de Pisón (Zaragoza, 1960) escritor e guionista. É autor de máis de quince libros, entre os que salientan "El día de mañana" (2011; Premio de la Crítica, Premio Ciutat de Barcelona, Premio de las Letras Aragonesas, Premio Hislibris), "La buena reputación" (2014; Premio Nacional de Narrativa, Premio Cálamo al Libro del Año) e "Derecho natural" (2017). Hai 30 anos gañou o Premio Torrente Ballester de Narrativa (1991) coa obra "Nuevo plano de la ciudad secreta".

Clara Escajedo (Sevilla, 1964). Escritora. Gañadora do XXXII Premio Torrente Ballester de Lingua Castelá da Deputación da Coruña en 2020 coa súa obra "Lo que somos". A escritora, que reside en Cervelló (Barcelona), é funcionaria e traballa no Tribunal Superior de Xustiza de Cataluña. Recibiu distintos premios de narrativa e poesía e publicou os libros, "Solo mira", "El abrazo imposible" e "La elegía del verdugo".

Lucía Taboada (Vigo, 1986). Xornalista. Traballa na Cadena SER. Dirixe os podcasts 'La Redada' e 'Hooligans Ilustrados' de Podium Podcast. Tamén escribe en AS, el diario.es e forma parte do equipo de guión de Pantomima Full. É autora dos libros "Dejar de amargarse para ImPerfectas" (2014, Zenith), #Hiperconectados: en una relación estable con Internet (2015, Zenith), e "Como siempre, lo de siempre" (publicado na colección Hooligans Ilustrados da editorial Libros del K.O.) Este último libro conseguiu o premio Panenka ao Libro do ano outorgado pola revista Panenka especializada en fútbol. Era a única autora entre os once candidatos ao premio, e a única muller en recibir un dos galardóns.

Dores Tembrás (Bergondiño, 1979) Poeta e editora. Licenciouse en Filoloxía Hispánica en 2001 e en 2008, despois de anos investigando e diferentes estadías en Suecia, Madrid e Buenos Aires defendeu a súa tese doutoral: "La obra poética de Alejandra Pizarnik. Arquitectura de un desencuentro". En 2009 publicou o seu primeiro poemario "O pouso do fume". A partir dese momento sucédense os traballos poéticos: "Esquiagrafías", "Diapositivas a clareo", "Silabario" e "Opium". En 2013 gañou o Premio de Poesía Concello de Carral co libro "Cronoloxía da urxencia" e en 2016 publicou a plaquette "Auga a través". O seu primeiro libro de poesía infantil "O peizoque Roque" ve la luz en 2012.

Domingo Villar (Vigo, 1971) Escritor. Coa súa primeira novela, "Ollos de auga" (2006) iniciou a serie protagonizada polo inspector Leo Caldas. A segunda, "A praia dos afogados" (2009), supuxo a súa consagración no panorama internacional da novela negra con traducións en todo o mundo. Coas súas obras obtivo o Premio Frei Martín Sarmiento, o Premio Losada Diéguez e o do Libro do Ano da Federación de Libreiros de Galicia, ademais dos premios Sintagma e Brigada 21. Foi finalista dos Crime Thriller Awards e Dagger International en Reino Unido, do Premio Le Point du Polar Européen en Francia e do Premio da Academia Sueca de Novela Negra.

Ricardo Losada (Rianxo, 1961). É o actual gañador do Premio Torrente Ballester de Narrativa en Lingua Galega pola novela 'O rosario e a buguina'. Profesor de Filosofía no Instituto Félix Muriel de Rianxo é autor de varios traballos de investigación dedicados a figuras como Faustino Rey Romero ou Manuel Antonio que se converteron en sendas publicacións. A súa primeira novela 'A casa xunto ao volcán' gañou o Premio Viaductos de Novela.

Xesús Fraga (Londres, 1971). Xornalista. Dedícase á información cultural en La Voz de Galicia. Autor de diferentes xéneros, como os relatos 'A-Z', a novela 'Solimán', e narracións xuvenís 'Reo' e 'O elefante branco'. Tradutor ao galego de nomes como Vladimir Nabokov ou Jack Kerouac, coa súa última novela 'Virtudes (e misterios)' gañou o Premio Blanco Amor e recentemente o Premio Nacional de Narrativa converténdose no cuarto escritor en lingua galega en acadalo.

Nazaret López (Lugo, 1959). Traballa como xornalista en prensa, radio e televisión dende os anos oitenta. A súa paixón polo teatro levouna á dirixir, ensinar e crear textos para compañías tanto profesionais como afeccionadas. No ano 2019 debuta na narrativa coa publicación da novela 'Formigas nos pés' que foi recibida tanto pola crítica como polo público cunha moi boa resposta.

María Marco (Vigo, 1979). Licenciada en Humanidades e doutora en Belas Artes cunha tese sobre a escritura na práctica artística contemporánea. Compaxina a crítica de arte en diferentes medios co comisariado de exposicións. Foi gañadora do Premio Xerais de Novela 2020 coa que foi o seu debut na narrativa 'Coidadora'.

Montse Dopico (A Pontenova, 1977). Xornalista especializada no eido da cultura e profesora universitaria na Universidade de Santiago de Compostela. Dende o ano 2012 traballa no xornal Praza Pública. Impulsora de numerosas iniciativas culturais en 2017 recibe o Premio Xohan Carballeira de xornalismo. Este ano acadou o Premio Follas Novas de Xornalismo Cultural.

Páxinas suxeridas