Estás en:Novas

A Deputación lanza #AsPalabrasDaCiencia, unha campaña en internet que une lingua e divulgación científica

A área de Normalización Lingüística celebra o Mes da Ciencia en Galego subliñando a importancia de dinamizar o noso idioma neste eido

Entrevistas, reportaxes, pílulas históricas e lecer conforman uns contidos que buscan achegarse a todos os públicos, incluído o infantil e xuvenil

#AsPalabras da Ciencia sorteará un telescopio e lotes de libros de divulgación científica entre as e os internautas que axuden a difundir a campaña

A Deputación lanza #AsPalabrasDaCiencia, unha campaña en internet que une lingua e divulgación científica

A Deputación da Coruña, a través da Área de Normalización Lingüística, bota a andar este mércores, Día da Ciencia en Galego, a campaña #AsPalabras da Ciencia. A iniciativa, que se estenderá ata final de mes, quere mostrar o firme compromiso da institución provincial co mundo científico e a importancia de dinamizar a lingua nun sector de indubidable referencia social.

A pandemia da Covid puxo o foco sobre a importancia que ten o coñecemento científico. A ciencia é unha das pancas que posibilita o progreso e que contribúe a mellorar notablemente a calidade das nosas vidas. O proxecto #AsPalabras da Ciencia quere servir de pequeno escaparate do labor de tantas mulleres e homes que traballan en múltiples disciplinas científicas, e quéreo facer coas nosas palabras, coa nosa lingua, porque en galego tamén se constrúe ciencia.

A campaña que contará cunha imaxe gráfica propia espallará nas redes sociais da institución provincial (Facebook, Twitter e Instagram) contidos que asocian os valores da ciencia co uso do noso idioma. A través deles coñeceremos o traballo de científicos e científicas, achegarémonos a centros de referencia na investigación e divulgación científica e repasaremos fitos históricos da nosa ciencia. Tamén coñeceremos proxectos científicos que se desenvolven na nosa provincia e que conta co apoio da Deputación da Coruña. A campaña dirixirase ao conxunto da cidadanía e por iso unha parte dos contidos estarán pensados para as persoas máis pequenas da casa.

Concursos e participación dos e das internautas

Os e as internautas serán as protagonistas e motor principal desta campaña. #AsPalabras da Ciencia convidaraos a difundir os contidos que se xeren ao longo de todo o mes para que cheguen a un público o máis amplo posible. Entre todas as persoas que colaboren nesta campaña sortearase un telescopio e tres lotes de libros de ciencia en galego.

Máis información nas redes sociais de Cultura da Deputación da Coruña no cancelo #AsPalabrasdaCiencia

Ou na web da Sección de Normalización Lingüística

Contidos destacados:

Vídeo sobre a estrela Rosalía de Castro
Vídeo sobre Ramón Verea
Vídeo sobre Parga Pondal

Encrucillado sobre Isabel Zendal

Entrevista a María Canosa

O Tratado de Albeitaría



Páxinas suxeridas