Estás en:Novas

A Deputación colabora con ANEDIA para sensibilizar a poboación infantil sobre a diabetes tipo 1

A través dun caderno dos Bolechas, que contou co asesoramento do grupo de pediatras Pediagal, a Asociación de nenas, nenos e xente nova con diabetes está levando a cabo unha serie de actividades en centro de ensino públicos da provincia

A Deputación colabora con ANEDIA para sensibilizar a poboación infantil sobre a diabetes tipo 1

O deputado de Cultura, Xurxo Couto, recibiu esta mañá unha mostra dos cadernos de actividades dos Bolechas cos que a Asociación de nenas, nenos e xente nova con diabetes (ANEDIA) está a sensibilizar a poboación escolar sobre a diabetes mellitus tipo 1. Os cadernos, que contan con apoio da área de Cultura a través das axudas para actividades culturais de entidades sen ánimo de lucro, forman parte do material co que a Asociación traballa o entorno social dos e das menores diagnosticadas.

Ata a Deputación achegáronse a presidenta de ANEDIA, a pobrense María José Rego, a vogal da Asociación na Coruña, Ana Estrada, e a pediatra especializada en endocrinoloxía infantil, Ana María Carro. Precisamente este caderno, que xa é o segundo que recibe apoio da Deputación, conta co asesoramento do grupo de pediatras que conforman Pediagal e que na provincia da Coruña conta con profesionais das áreas sanitarias da Coruña, Compostela, Cee, e Barbanza.

"Botar abaixo tópicos relacionados con esta enfermidade, sobre todo en relación á alimentación, e normalizar a diabetes nos coles que é unha contorna moi importante na vida dos nenos e nenas" son os obxectivos que salienta o deputado de Cultura, Xurxo Couto, no marco desta colaboración. Os cadernos, dos que se editaron inicialmente 2.000 exemplares, repartirase en centros educativos, hospitais e entre familias que o soliciten.

A diabetes mellitus tipo 1 é unha das enfermidades crónicas de orixe autoinmune e ata o 75% das persoas con esta doenza diagnostícanse durante a infancia e o 45% teñen menos de 10 anos. En Galiza, os estudos máis recentes reportan unha incidencia de 17,2 casos por 10.000 habitantes en poboación pediátrica. Preto dun millar de menores conviven coa diabetes en Galicia.

A diferenza do que ocorre con outras enfermidades autoinmunes, que son máis frecuentes en mulleres, na diabetes mellitus tipo 1 a maioría de estudos non atopan diferenzas significativas de prevalencia entre xéneros, mesmo algúns mostran un discreto predominio en homes.

Co diagnóstico a familia enteira sofre un gran impacto, e a vida familiar e as rutinas mudan de certa maneira para adaptarse a unha enfermidade que é moi exixente e non da tregua, polo que as asociacións de familiares procuran materiais de sensibilización que axuden a normalizar a doenza en todos os ámbitos da vida diaria.

Páxinas suxeridas