Estás en:Novas

José Manuel Pequeño visita as obras da senda peonil que conectará Quenxe co faro de Cee, en Corcubión

O deputado de Vías e Obras e o alcalde de Corcubión, Manuel Insua, destacan a "singularidade" do proxecto, no que a Deputación inviste preto de 1 millón de euros para ampliar a estrada e construír un gran itinerario peonil con espectaculares vistas sobre a ría.

A obras forman parte dun ambicioso proxecto de futuro para crear un gran itinerario peonil que circunde a península de Corcubión

José Manuel Pequeño visita as obras da senda peonil que conectará Quenxe co faro de Cee, en Corcubión

O deputado de Vías e Obras, José Manuel Pequeño Castro, e o alcalde de Corcubión, Manuel Insua, visitaron esta mañá as obras de construción dunha senda peonil e ampliación e mellora da estrada DP-2801 de Corcubión a San Roque por Redonda, un proxecto que permitirá configurar un gran itinerario peonil e ciclista con espectaculares vistas á ría e que conectará a zona urbana de Quenxe co faro de Cee.

Acompañado dos técnicos do departamento de Vías e Obras da institución provincial, Pequeño e Insua supervisaron os traballos, que avanzan a bo ritmo e que poderán estar rematados antes do verán de 2022.

José Manuel Pequeño destacou "a singularidade" da obra, cun orzamento de 928.777 euros, un dos maiores investimentos programados este ano na rede provincial de estradas e o maior realizado en Corcubión ata o momento.

"Estas obras suporán unha notable mellora na seguridade, tanto para os numerosos veciños e veciñas que usan este itinerario para pasear, andar en bici e facer deporte como para os miles de visitantes que conflúen neste punto durante o verán", explicou Pequeño Castro, que destacou tamén que forman parte "dun ambicioso proxecto de futuro para crear un gran itinerario peonil de 6 quilómetros que circunde boa parte costa de Corcubión"

O alcalde de Corcubión, Manuel Insua, subliñou tamén a importancia do investimento para crear este gran itinerario peonil "nun entorno natural tan privilexiado coma este", xa que desde a zona divísanse espectaculares vistas do monte Pindo, a illa Lobeira ou cabo de Fisterra.

As obras abarcan desde o punto quilométrico 0+780 (Quenxe) ao 2+554 bordeando a ría. Executarase a ampliación da vía ata os 7 metros de ancho, con dous carrís de 3,5 metros, beiravías de medio metro na marxe esquerda e unha senda peonil de 2 metros de ancho ao longo de toda a marxe esquerda da estrada.

As actuacións prolongaranse tamén ao ramal que conduce ao faro de Cee pasando polo campo de fútbol. Alí o vial contará cunha anchura de 6 metros, con dous carrís de 3 metros, beiravías de medio metro e unha senda peonil de 2 metros de ancho.

As actuacións completaranse nun futuro co proxecto da Senda dos Faros, incluído no Plan Director de Mobilidade do Goberno provincial, consistente na construción de rutas ciclistas e peonís que conectarán un total de 11 faros ao longo da provincia, entre eles o de Cee, que se atopa en funcionamento desde o 1860, e que permitirá crear unha gran senda para pasear arredor da península da Redonda.

A Deputación afianza con estes proxectos a súa aposta por un novo modelo de mobilidade, sostible e respectuoso co medio natural que leva non só ás áreas metropolitanas dos grandes concellos, senón aos pequenos concellos rurais da provincia.

Páxinas suxeridas