Estás en:Novas

A Deputación da Coruña leva a Arteixo o concerto didáctico de Fransy González e Davide Salvado

Este concerto forma parte do programa da área provincial de Cultura "Patrimonio GZ Sons" para difundir a recuperación e posta en valor da riqueza do patrimonio musical galego

O deputado de Cultura, Xurxo Couto, indica que este programa "ademais de difundir a música tradicional galega en diálogo con outros estilos musicais, tamén incide nos procesos creativos e de investigación que conlevan"

A Deputación da Coruña leva a Arteixo o concerto didáctico de Fransy González e Davide Salvado

A área de Cultura da Deputación da Coruña, que xestiona o deputado Xurxo Couto, leva mañá ao Centro Cívico e Cultural de Arteixo o concerto didáctico de Fransy González e Davide Salgado. Este concerto, que terá lugar ás 12h, será gratuíto e contará coa presenza do deputado provincial.

"Este programa achega a música tradicional a distintos puntos da provincia de xeito didáctico e lúdico pero tamén amosando o gran traballo de investigación e os procesos creativos que levan aparellados os proxectos musicais" indica Xurxo Couto. O concerto de Fransy González e Davide Salvado, que se enmarca no programa "Patrimonio GZ Sons" da Deputación da Coruña, permite ademais coñecer de primeira man como a música tradicional galega dialoga e se relaciona con outros estilos musicais máis achegados á vangarda.

Antes de chegar a Arteixo, Fransy González e Davide Salvado xa pasaron da man da Deputación polos concellos da Laracha e Malpica, e nas vindeiras semanas chegará a Carballo e Laxe.

"Patrimonio GZ Sons" tamén está a levar por distintos concellos da Coruña concertos didácticos a cargo de Pablo Carpintero que, ao igual que os de Fransy González e Davide Salvado, se están programando ao longo do mes de novembro con motivo do Día Mundial do Patrimonio (16 de novembro), declarado pola Unesco co obxectivo de protexer, coidar e preservar os bens culturais que conforman parte da riqueza da humanidade. Neste sentido, a área de Cultura da Deputación da Coruña achega este programa de concertos coa finalidade de promover o coñecemento popular e a consideración da música tradicional como tesouro patrimonial, así como da necesidade de valorizala entre a cidadanía para que esta se implique no seu coidado e divulgación.

Páxinas suxeridas