Estás en:Novas

O Plan Único da Diputación da Coruña inviste máis de medio millón de euros na humanización de rúas en Porto do Son

O plan provincial financia as obras de humanización de Nebra e da Rúa Santa Irene e a construción dunha beirarrúa que mellorará a seguridade peonil entre os núcleos de Arnela e Abuín

As actuacións darán máis protagonismo aos peóns e mellorarán a estética destes lugares con materiais acordes coa contorna

O Plan Único da Diputación da Coruña inviste máis de medio millón de euros na humanización de rúas en Porto do Son

FOTO: Adro da Igrexa de Nebra (Porto do Son)

A Deputación da Coruña achega a través do Plan Único máis de medio millón de euros para levar a cabo tarefas de humanización en diversos puntos do concello de Porto do Son. O plan provincial permitirá financiar as obras de humanización de Nebra e da Rúa Santa Irene e a construción dunha beirarrúa que mellorará a seguridade peonil entre os núcleos de Arnela e Abuín. As actuacións atópanse en fase de licitación ata o vindeiro día 1 de decembro.

O municipio de Porto do Son financiará a través do Plan Único (POS+2020) da Deputación as actuacións que devolverán o protagonismo ao peón no núcleo rural de Santa María da Igrexa, en Nebra, que contarán cun orzamento total de 201.036 euros, dos que o ente provincial achegará 193.600 €. A través da iniciativa, renovarase a pavimentación da contorna e incrementarase a accesibilidade dos seus espazos públicos, adaptándoos así ás necesidades actuais da poboación. Deste xeito, recuperaranse lugares de calidade e espazos dedicados ás persoas.

As obras permitirán pavimentar o lugar con lastros de granito silvestre, deixando no eixo central unha rigola pétrea que se alternará con imbornais cando resulte preciso para a condución de augas pluviais. Así mesmo, levarase a cabo a canalización das redes eléctrica e de telecomunicacións, ocultando deste xeito as instalacións vistas que danan a imaxe da zona. Tamén se colocarán varandas e pasamáns de aceiro inoxidable en puntos con dificultade por mor das pendentes ou o forte desnivel.

As medidas tamén ocultarán elementos visuais que afean a zona, tapando os contedores con estruturas de madeira para mellorar a imaxe. Así mesmo, cambiarase a iluminación, colocando farois exentos nos espazos onde non haxa construcións próximas, farois colgados con cabe para os estreitos entre casas e de parede para os que conten coa presenza de edificios en só un dos seus lados.

Ademais, nas rúas estreitas instalaranse estruturas mixtas de granito silvestre e aceiro para recuperar o carácter orixinal do lugar, que conta con restos de emparrados que cubrían estas vías. O prazo de execución das tarefas de humanización é de seis meses.

A rúa Santa Irene contará con novos espazos para os peóns

Dentro das actuacións, inclúese a creación de novos espazos para os peóns e peoas na rúa Santa Irene. Nesta vía de sentido único conviven tráfico rodado e peonil, así como unha zona de aparcamento sen delimitar. Así mesmo, a plataforma atópase en mal estado debido ao paso do tempo e ao seu uso. Co obxectivo de mellorar a accesibilidade e as condicións de seguridade, construirase unha nova beirarrúa de formigón e granito no primeiro tramo da rúa, creando un percorrido continuo entre a Rúa Avellaneda e o acceso ao pavillón polideportivo. Tamén se pavimentará a zona cunha capa de aglomerado asfáltico con pendente transversal para a canalización de pluviais.

Os labores tamén inclúen a pavimentación da zona fronte ao pavillón polideportivo así como a proxección de novo mobiliario, como árbores, sobreiras, bancos e farois, así como unha marquesiña de aceiro laminado con acabado exterior de madeira de pino para protexer as persoas usuarias do polideportivo. Á súa vez, incorporaranse bolardos, papeleiras e un aparcabicicletas.

Nesta zona, o proxecto contribuirá á substitución dos condutos, arquetas e pozos das instalacións subterráneas existentes por unhas novas, mellorando o saneamento e abastecemento de auga potable. Tamén se engadirán instalacións novas como as de telecomunicacións e soterraranse as de electricidade, iluminación e telefonía. O Plan Único da Deputación achegará 174.994 euros dos 179.286 euros do total deste proxecto, que conta cun prazo estimado de execución de 16 semanas.

Nova beirarrúa entre os núcleos de Arnela e Abuín para mellorar a seguridade na contorna

Na actualidade o tramo de estrada AC-550 entre A Arnela e Abuín conta cunhas marxes estreitas que non permiten a circulación de peóns en condicións de seguridade entre os núcleos rurais da Arnela, O Lagarto e Abuín.

As tarefas, que contan cun orzamento total de 130.388 euros (dos que o ente provincial achega 114.000 euros), levaranse a cabo entre os puntos quilométricos 89+910 e 90+245 e dividiranse en tres tramos. No primeiro, executarase o camiño continuando a beirarrúa existente con formigón armado, sobre o que se proxectará un muro de contención no que se colocará unha varanda de aceiro. No seguintes dous tramos a beirarrúa discorrerá pola marxe esquerda, e baixo dela executarase unha rede de pluviais e substituiranse dúas tapas de pozos de saneamento. As obras inclúen a relocalización dos sinais viarias existentes. O prazo de execución das tarefas será de doce semanas.

Páxinas suxeridas