Estás en:Novas

A Deputación conmemora o Día do Patrimonio Mundial cun concerto de Xurxo Fernandes no Colón

O concerto, con entrada de balde ata completar aforo, terá lugar ás 20h o martes 16 de novembro e forma parte do programa da área provincial de Cultura "Patrimonio GZ Sons" para difundir a recuperación e posta en valor da riqueza do patrimonio musical galego

A Deputación conmemora o Día do Patrimonio Mundial cun concerto de Xurxo Fernandes no Colón

Xurxo Fernandes presenta este martes 16 de novembro o seu novo proxecto musical "Levaino!" no Teatro Colón da Coruña. Trátase do concerto co que a área de Cultura da Deputación da Coruña conmemora o Día do Patrimonio Mundial e que se enmarca no programa 'Patrimonio GZ Sons'.

Xurxo Fernandes iniciará a súa actuación ás 20h e o acceso ao Teatro Colón será de balde ata completar aforo e sen necesidade de reservar entrada previamente. "Levaino!" inclúe doce temas recollidos polo propio artista en territorios tan diversos como son Coristanco, Samakov, A Mezquita, Salihli, Tordoia, Larache ou Tel Aviv. Con eles, "Levaino!" percorre unha ducia de paisaxes sonoras pouco coñecidas, que comezan no Mediterráneo Oriental e que rematan en Galicia, que explicitan e manifestan os vínculos entre ambas culturas e tradicións orais.
En directo, "Levaino!" é un espectáculo único, cheo de forza e cuns músicos de referencia no panorama galego: Pedro Lamas (dulzaina, saxo e gaita), Roberto Comesaña (teclado), Rafa Morales (baixo eléctrico), Rubén Montes (set de percusión) e Xurxo Fernandes (voz e pandeireta). Un evento que completan as Pandeireteiras Sen Fronteiros (PAN.SEN.FRON) coas súas voces e alegría.

Xurxo Fernandes é unha das voces máis singulares do panorama galego actual, capaz de innovar minuciosamente desde a tradición grazas ao seu vasto coñecemento do eido da creación popular colectiva. Con só 14 anos comeza unha investigación e recollida polas aldeas de Galicia que mantén ao longo de máis de dúas décadas. Este traballo de campo, a través de conversas e enquisas, outorgan ao artista unha fonda cosmovisión da tradición oral galega. De xeito paralelo, e tamén a través de entrevistas persoais, achégase ás sonoridades propias das comunidades sefardís espalladas por cidades como Estambul, Esmirna, Sofía, Plovdiv, Samakov, Atenas, Tesalónica ou Xerusalén. 

Convén lembrar que o programa "Patrimonio GZ Sons" está a levar por distintos concellos da Coruña concertos didácticos a cargo de Pablo Carpintero e de Fransy González e Davide Salvado, que se están programando ao longo do mes de novembro con motivo do Día do Patrimonio Mundial declarado pola Unesco co obxectivo de protexer, coidar e preservar os bens culturais que conforman parte da riqueza da humanidade. Neste sentido, a área de Cultura da Deputación da Coruña achega este programa de concertos coa finalidade de promover o coñecemento popular e a consideración da música tradicional como tesouro patrimonial, así como da necesidade de valorizala entre a cidadanía para que esta se implique no seu coidado e divulgación.

Páxinas suxeridas