Estás en:Novas

A Deputación da Coruña financiará con 600.000 euros as obras de mellora da seguridade da estrada DP 2303 de Bermún a Cee

Construirase unha rotonda na intersección coa estrada de Lires para eliminar un cruce perigoso e reducir a velocidade dos vehículos na travesía e mellorarase a seguridade para a veciñanza coa construción de beirarrúas

A alcaldesa de Cee, Margarita Lamela reuniuse co presidente da Deputación, Valentín González Formoso, para trasladarlle a necesidade de acometer as obras para mellorar a seguridade nunha vía que conecta Cee e Muxía e polo que circulan máis de 3.200 vehículos cada día

O proxecto xa se está redactando e será presentado en xaneiro para a súa execución durante 2022

A Deputación da Coruña financiará con 600.000 euros as obras de mellora da seguridade da estrada DP 2303 de Bermún a Cee

Valentín González Formoso e Margarita Lamela reuníronse na Deputación

A Deputación da Coruña financiará as obras de mellora da seguridade viaria do ultimo tramo da estrada DP 2303 Bermún -Cee (do PK 10+600 ao PK 12+200), que incluirán a construción de novas beirarrúas e a renovación das existentes, así como a construción dunha rotonda na conexión coa estrada de Lires para eliminar un cruce perigoso e contribuír a reducir a velocidade do tráfico.

Así o anunciaron o presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, e a alcaldesa de Cee, Margarita Lamela, tras a reunión de traballo que mantiveron na sede da institución provincial, na que se acordou que o investimento desta importante mellora se levará a cabo durante 2022 en base a un proxecto que se está redactando e que ambos esperan presentar no mes de xaneiro.

González Formoso destacou que a intensidade de circulación que rexistra a vía ( unha media de 3.220 vehículos ao día, segundo os datos do servizo de Vías e Obras), a proximidade de vivendas no entorno e a perigosidade do cruce coa estrada de Lires fan necesaria a actuación reclamada pola alcaldesa, que suporá unha importante mellora da seguridade na zona.

Pola súa banda, a alcaldesa, Margarita Lamela, agradeceu ao presidente e ao deputado de Vías e Obras, José Manuel Pequeño Castro, co que visitou a zona acompañado dos enxeñeiros de Vías e Obras da Deputación, "entendan e apoien a necesidade desta actuación para mellorar a seguridade dos veciños e reducir a velocidade coa que circulan, nunha travesía que rexistra un volume de tráfico importante, xa que conecta Cee e Muxía.

As obras consistirán na renovación das beirarrúas e sendas existentes que actualmente presentan un estado moi deteriorado, ao mesmo tempo gañaranse ancho nestas para cumprir cos anchos mínimos que esixe a normativa de accesibilidade, sendo de 2 m o novo ancho das beirarrúas renovadas, renovación que se fará en formigón coloreado e fratasado.

Rotonda e beirarrúas

Ademais da necesaria renovación anterior continuarase a senda ata o cruce coa estrada autonómica AC – 552, o que supón a construción dun novo tramo de senda de 584 m para mellorar a seguridade dos peóns que actualmente se vían obrigados a camiñar por unha beiravía estreita.

Da mesma forma e pola zona norte, é dicir, saíndo de Bermún cara Muxía, tamén se completa o itinerario peonil ata as últimas vivendas dos núcleo de Bermún, por ambos lado da vía, 300 m de novas beirarrúas a ambos lado da vía que de novo aumentarán a seguridade dos peóns.

O calmado do tráfico realizarase coa construción dunha nova rotonda no cruce coa estrada Lires (DP 2301) ao carón da escola da Pereiriña. Esta nova rotonda regulará o tráfico deste cruce, e provocará unha diminución importante da velocidade dos vehículos ao seu paso pola travesía de Bermún, a rotonda conta cun diámetro exterior de 28 m, sendo de 12 m o seu diámetro interior.

As obras suporán un investimento aproximado de 600.000 € actuándose nun tramo total entre renovación e novas construcións de 1,6 km.

Páxinas suxeridas