Estás en:Novas

A Deputación entrega os premios do concurso de viñetas “Moito por cambiar”

Tres mozas da Coruña, dúas de Santiago e unha de Teo son as gañadoras do concurso de viñetas "Moito por cambiar", convocado pola área de Igualdade da Deputación da Coruña sobre os efecto multiplicador da pandemia en cuestións como a feminización da pobreza ou a precariedade laboral

A Deputación entrega os premios do concurso de viñetas “Moito por cambiar”

Tres mozas da Coruña, dúas de Santiago de Compostela e unha de Teo son as gañadoras do concurso de viñetas "Moito por cambiar", convocado pola área de Igualdade da Deputación da Coruña. Nesta edición da convocatoria, o tema sobre o que a poboación moza debía crear as súas viñetas tiña como eixo central o impacto social da Covid, nomeadamente en relación ao efecto multiplicador en cuestións como a precariedade laboral, a feminización da pobreza, as necesidades de coidados ao longo da vida, os efectos negativos sobre a saúde física e o benestar emocional, ou as violencias machistas.

O acto de entrega, que tivo lugar na tarde de onte no Salón de Plenos da Deputación, contou coa presenza da deputada de Igualdade, María Muíño, que foi a encargada de entregar os premios, así como do deputado de Cultura, Xurxo Couto, e de persoal técnico do Servizo provincial de Igualdade. María Muíño, ademais de felicitar a todas as gañadoras, aproveitou para poñer en valor que "nunha edición máis deste certame comprobamos que as xeracións máis novas teñen unha gran capacidade de análise sobre a sociedade actual, poñendo de manifesto valores propios e capacidade crítica". Animounas ademais a continuar fomentando "a reflexión e o cuestionamento necesario para acadar unha sociedade máis xusta e máis igualitaria en todas as facetas da vida".

Nesta edición do certame, na categoría de 12 a 14 anos, o primeiro premio recaeu no traballo "Bolboreta" de Alba Acuña La Rosa (Teo), o segundo premio en "Hatsune Miku" de María Díaz Fernández (A Coruña), e o terceiro en"Meliciana" de Meliza Ruth Chaparro (A Coruña). Mentres, na categoría de 15 a 18 anos, o primeiro premio foi para "Folerpiña" de Xiana Andrade Fuentes (Santiago de Compostela), o segundo para "Nais" de Naiara Galván Silveiro (A Coruña), e o terceiro para "Armay" de Norhaili Victoria Marzol Segovia (Santiago de Compostela).

A deputada de Igualdade tamén fixo referencia á grande calidade dos traballos presentados e animou a todas as gañadoras "a continuar desenvolvendo esta faceta artística". Nesta edición, o xurado estivo composto polo autor de cómics e fanzines, Álvaro López Santos, pola deseñadora gráfica e creativa publicitaria, Patricia Portela Vaamonde, e pola técnica de Igualdade, Eva Ovenza Pereira, actuando como secretaria a xefa de Sección de Servizos Socias, Carolina Buhigas, e como presidenta a deputada de Igualdade, María Muíño.

Páxinas suxeridas