Estás en:Novas

A Deputación trae ao Teatro Colón o espectáculo “Fordlandia”, cos bailaríns Lucía Lacarra e Mathew Golding

Ambos foron recibidos hoxe na Deputación pola deputada de Educación, Sandra González

Lucía Lacarra ofrece esta tarde unha masterclass para o alumando do Conservatorio de Danza da Deputación

As actividades enmárcanse no ciclo "Mar en Danza", impulsado en colaboración con QueArte Producciones para conmemorar o 30 aniversario do Conservatorio de Danza da Deputación.

A Deputación trae ao Teatro Colón o espectáculo “Fordlandia”, cos bailaríns Lucía Lacarra e Mathew Golding

A deputada de Educación, Sandra González, recibiu hoxe na Deputación da Coruña aos bailaríns Lucía Lacarra e Mathew Golding, protagonistas de "Fordlandia", un espectáculo multimedia no que conflúen danza, música e arte visual que mañá se representará por primeira vez en Galicia (20.30 h. Teatro Colón da Coruña). As invitacións gratuítas para o espectáculo poden reservarse na plataforma web ataquilla.com.

Fordlandia é a primeira incursión de Lucía Lacarra no eido da produción, unha aventura na que se embarcou xunto ao bailarín canadiense Mathew Golding. Ambos son os protagonistas deste espectáculo, concibido durante o confinamento da pandemia.

A obra aborda os diferentes modos de separación forzada nunha relación aínda existindo o amor. O título do espectáculo fai referencia a unha cidade fundada por Henry Ford en Brasil como centro produtor de caucho na década dos anos 30. O proxecto fracasaría e deixaría tras si Fordlandia, unha urbe distópica estadounidense en plena selva amazónica.

Lucía Lacarra ofrecerá tamén esta tarde unha masterclass ao alumando do conservatorio de Danza da Deputación.

Ambas iniciativas englóbanse no ciclo "Mar en Danza", unha iniciativa cultural impulsada pola Deputación e QueArte Producciones con motivo da celebración do 30 aniversario do Conservatorio.