Estás en:Novas

O Plan Único da Deputación inviste este ano 11 millóns nos concellos da comarca do Barbanza

Preto de 2 millóns de euros destínanse para financiar gastos sociais nos 11 concellos da zona

O programa provincial dedica tamén máis de 4 millóns de euros para levar a cabo 42 obras e 1,5 para financiar servizos básicos dos municipios como alumeado ou recollida de lixo

Valentín González Formoso destacou a utilidade do Plan Único para "mellorar infraestruturas e servizos, así como para dar apoio no eido social ante as necesidades derivadas da crise e impulsar a reactivación social e económica nos municipios da provincia"

O Plan Único da Deputación inviste este ano 11 millóns nos concellos da comarca do Barbanza

O Plan Único (POS+2021) da Deputación da Coruña alcanzará este ano os 11 millóns de euros investidos nos concellos da comarca do Barbanza, dos que preto de 2 se destinan a financiar gastos sociais nos municipios co obxectivo de paliar os efectos da pandemia e protexer aos colectivos máis vulnerables.

O presidente provincial, Valentín González Formoso, remarcou a utilidade deste programa para "mellorar infraestruturas e servizos, así como para dar apoio no eido social ante as necesidades derivadas da crise sanitaria e impulsar a reactivación social e económica nos municipios da provincia".

Preto de 2 millóns de euros para gasto social

O Plan Único achega case 2 millóns de euros aos 11 concellos da comarca para paliar os efectos sociais provocados pola pandemia. As contías repartidas nos diferentes municipios oscilan entre os 103.356,63 euros de Carnota e os 262.161,95 euros que recibe Ribeira. Reforzo do persoal adscrito aos servizos sociais e axuda no fogar, creación de axudas para a cobertura de necesidades básicas coma vivenda, alimentación, gastos médicos e farmacéuticos ou escolarización dos colectivos máis vulnerables son algunhas das cuestións ás que os concellos están a destinar estes fondos.

Concellos coma Ribeira ou Mazaricos destinan a práctica totalidade do Fondo Social do Plan Único para reforzar o servizo Servizo de Axuda no Fogar. Outros coma Mazaricos destinan boa parte dos fondos a liñas de apoio a persoas e familias en risco de exclusión social.

Máis de 4 millóns para 42 obras

Dentro do plan, 11 concellos da comarca executarán un total de 42 obras de humanización de rúas e espazos públicos, mellora nas redes de iluminación e saneamento, renovación de estradas, actuacións en instalacións municipais ou accións para incrementar a seguridade peonil, entre outras.

Destacan grandes investimentos como os 245.500 euros dedicados ao proxecto de mellora dunha vintena de camiños rurais en Mazaricos, os 230.922,63 euros para o proxecto de mellora de infraestruturas hidráulicas en Abelleira (Muros), os 193.328,94 euros para o saneamento en Mantoño (Porto do Son) ou os 169.198,74 euros para o punto de atención á infancia no Cruceiro (Outes), mais tamén pequenas obras que contribúen a dotar de servizos básicos a moitos núcleos rurais e a mellorar a vida dos seus habitantes.

Os municipios da comarca destinan este ano 289.804,25 euros para redución da débeda, 258.022,31 euros para pago a provedores e 1,5 millóns para gasto corrente, co que se financian servizos básicos municipais importantes para a cidadanía como poden ser a iluminación pública ou a recollida de lixo. A través do Plan Adicional tamén se financiarán investimentos por importe de 3,1 millóns de euros.

O Plan Único ofrece aos concellos total liberdade á hora de decidir en que investir os fondos que lles achega a Deputación, cunha distribución que se basea en criterios obxectivos como a poboación, superficie, número de parroquias ou esforzo fiscal de cada municipio.

Páxinas suxeridas