Estás en:Novas

Mañá sábado ten lugar na Coruña unha xornada formativa para músicos previa aos Premios Narf

A xornada incluirá relatorios de Marisa Moya (manager de León Benavente e Sidonie, entre outros); o avogado especialista en dereitos de auto, Xabier Alonso; e Lucía Martínez e Lucía Pita, da axencia de comunicación The Office, que falarán de redes sociais e relación cos medios de comunicación

A final do Premio Narf terá lugar no seo dunha gala no Teatro Colón da Coruña o este domingo 21 de novembro ás 19.30h, que será retransmitida en directo a través do canal de Youtube da Deputación da Coruña

Mañá sábado ten lugar na Coruña unha xornada formativa para músicos previa aos Premios Narf

Mañá sábado 20 de novembro terá lugar unha xornada formativa para músicos dentro das actividades paralelas do Premio Narf, que tamén se poden seguir a través de streaming desde o canal de Youtube de Cultura da Deputación da Coruña.

A xornada, que comeza ás 10.30 da mañá, terá lugar na sala Juanjo Gallo da Deputación da Coruña e incluirá as seguintes conferencias:

  • Marisa Moya: "Claves para conseguir unha carreira artística de longo percorrido". Directora de Emerge Producciones, é manager de León Benavente, Sidonie, Marwan ou Rufus T. Firefly, entre outros.
  • Xabier Alonso: "Coida os teus dereitos de autor no mundo dixital". Avogado especializado en propiedade intelectual e dereito da cultura e o espectáculo.
  • Lucía Martínez: "A comunicación: Conceptos e ferramentas básicas (I): identidade dixital e redes sociais". Responsable de redes sociais en The Office Comunicación, axencia especializada en comunicación cultural.
  • Lucía Pita: "A comunicación. Conceptos e ferramentas básicas (II): a relación cos medios de comunicación". Prensa de The Office Comunicación: Festival Noroeste, Festival Sinsal ou SonRías Baixas; e bandas como Tanxugueiras, Sés ou Luar Na Lubre.

Gala final do Premio Narf

A final do Concurso Fran Pérez "Narf" para grupos e artistas musicais que promove a Deputación da Coruña terá lugar este domingo 21 de novembro no Teatro Colón da Coruña ás 19.30 horas nun espectáculo aberto ao público que tamén será retransmitido en directo a través do canal de Youtube de Cultura da Deputación da Coruña. Nel participarán as cinco bandas finalistas: Peña, Tandub, Sleepy Spice, Elba e Secho, ademais de Grande Amore, o grupo convidado, nun acto que estará conducido pola xornalista Neves Rodríguez.

O Concurso Fran Pérez "Narf" de música ten o obxectivo de difundir, apoiar e promocionar os grupos e artistas musicais das diferentes comarcas e localidades galegas, así como lembrar e difundir socialmente a figura e a o obra do músico e compositor Fran Pérez "Narf". Algunhas das bandas gañadoras deste premio son Mounqup, Bala ou Familia Caamagno, entre outros.

O xurado que elixiu os finalistas e escollerá os gañadores está formado por Xurxo Couto, deputado de Cultura da Deputación da Coruña, como presidente; ademais da cantora Uxía, os xornalistas Carlos Crespo, María Yáñez e Teresa Cuíñas, e o crítico musical Pepe Cunha. A banda gañadora será elixida durante unha gala final que terá lugar no Teatro Colón da Coruña o sábado 21 de novembro e que se emitirá tamén a través de 'streaming'.

Páxinas suxeridas